A Xunta investirá case 185.000 € na instalación de carteis informativos en 4 parques naturais e hábitats da píllara das dunas para protexer a súa biodiversidade
Un dos contratos ten como obxectivo sensibilizar á cidadanía sobre os ecosistemas existentes en catro destes espazos protexidos e o outro busca advertir da presenza destas aves ou dos seus niños nas principais áreas de distribución que ten en Galicia
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2024
A Xunta destinará preto de 185.000 euros á instalación de carteis informativos en varios parques naturais da comunidade así como noutras zonas que son hábitats naturais da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) coa finalidade de concienciar á cidadanía sobre a importancia do coidado destes espazos e de protexer a flora e a fauna existentes na contorna. Ambos contratos, licitados pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural o pasado verán, adxudicáronse nas últimas semanas por lotes.
O primeiro deles está dirixido á elaboración de contidos, deseño e colocación de sinais exteriores que contribúan á concienciación da cidadanía sobre o patrimonio natural e a biodiversidade existente na contorna de catro dos seis espazos protexidos de Galicia recoñecidos coa categoría de Parque Natural: Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume, O Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra.
O contrato, adxudicado por case 103.000 euros e cofinanciado co Programa Galicia Feder 2021-2027, busca poñer os medios para que os visitantes destas catro zonas accedan á información sobre os valores e os obxectivos de conservación das mesmas.
Para iso empregaranse distintos elementos como tótems, paneis informativos, sinais de estrada, báculos e balizas que as adxudicatarias transportarán e colocarán na súa localización definitiva. O prazo para a execución dos traballos será de seis meses.
Protección de aves
O segundo contrato, relacionado coa píllara das dunas e enmarcado no proxecto interrexional europeo Iberalex, ten como finalidade a subministración tanto de carteis permanentes como temporais nas praias e zonas húmidas nas que habita ou nidifica esta especie autóctona de Galicia, comunidade que concentra a única poboación desta ave existente en todo o sector cantábrico-atlántico español.
Dividido en dous lotes, adxudicados por un total de 80.926,5 euros con cofinanciamento europeo do Programa Interreg España-Portugal 2021-2027, o obxectivo é informar á cidadanía da presenza de píllaras nas zonas sinaladas e mellorar a conservación das poboacións desta especie, que está actualmente cualificada como vulnerable.
Con tal fin, o primeiro dos lotes é para a subministración de 60 carteis de carácter permanente para a súa entrega e instalación nos areais dos distintos concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra nos que está presente este tipo de ave.
En canto ao segundo lote, céntrase na elaboración de algo máis de 200 carteis temporais para a súa entrega ao Centro de recepción de visitantes Casa da Costa do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para a súa posterior distribución polas zonas de nidificación da especie.