A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe na presentación da publicación

A Xunta publica unha guía pioneira sobre os anfibios e réptiles do Parque Natural de Corrubedo

Este espazo natural protexido alberga máis do 90% de especies de anfibios de Galicia e a metade do total de réptiles da Comunidade, o que o converte nun dos enclaves de maior interese de España para a súa conservación e observación

Marisol Díaz destaca o valor deste manual na medida en que non só facilita aos visitantes a identificación destas especies, senón que tamén recolle información relevante sobre a súa bioloxía, o seu estado de conservación ou a súa distribución

Ribeira (A Coruña), 11 de agosto de 2026

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, presentou hoxe a Guía dos anfibios e réptiles do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, unha publicación pioneira da Xunta que ten como obxectivo poñer en valor este ecosistema único en Galicia para a conservación e a observación destas especies.

A guía, elaborada polo profesor e investigador da Universidade da Coruña Pedro Galán, recolle os resultados de máis de tres décadas de seguimento científico neste espazo natural. O traballo inclúe fichas detalladas de preto de 30 especies, con fotografías dos seus distintos estados de desenvolvemento, mapas de distribución ou claves de identificación para os casos máis complexos, como poden ser as postas e as larvas dos anfibios.

Segundo os datos recollidos na publicación, no parque natural e na súa contorna inmediata están presentes 13 das 14 especies de anfibios que habitan en Galicia —o 93% do total— e outras 13 das 26 especies de réptiles —o 50%—. Esta riqueza converte a Corrubedo, segundo salientou Marisol Díaz, nun dos enclaves de maior interese do país para a conservación e a observación destes animais.

Destaca especialmente a presenza do sapo de esporóns (Pelobates cultripes) e o sapoconcho común (Emys orbicularis) por ser as especies máis ameazadas de anfibios e réptiles, respectivamente. Ademais, incorpora tamén tres grupos de tartarugas mariñas, o que constata que o ámbito natural do parque non remata estritamente na liña de costa.

Non en balde, en Corrubedo coinciden especies de tres grandes procedencias bioxeográficas: eurosiberianas, mediterráneas e endémidas do noroeste ibérico. A posición do parque, na fachada atlántica central de Galicia, é o que converte este espazo natural precisamente nun punto de encontro entre faunas diferentes.

A directora xeral destacou este documento como un traballo pioneiro e de gran valor para a biodiversidade galega, xa que ata hai ben pouco estas especies apenas espertaban interese na sociedade, máis aló do desagrado ou o temor que en ocasións chegaban a suscitar e subliñou o compromiso do Goberno galego coa divulgación e a conservación do patrimonio natural.

A maiores, a representante da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que esta publicación non só serve como guía de identificación para as persoas visitantes do parque natural, senón que tamén recolle información relevante sobre a bioloxía, os hábitats, a distribución ou o estado de conservación e cada especie.

A Guía dos anfibios e réptiles do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, editada pola Xunta de Galicia, estará dispoñible para a súa consulta e descarga a través da páxina web da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026