María M. Allegue mantén un encontro de traballo co alcalde de Vilagarcía de Arousa
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela.
A xuntanza, na que tamén participou o director territorial da Consellería en Pontevedra, José Manuel González, foi frutífera e desenvolveuse nun clima de cordialidade.
A reunión tivo como obxectivo abordar actuacións en materia de infraestruturas e vivenda, principais eixes desta consellería.
No que se refire á vivenda, a Xunta e o Concello acordaron a cesión da parcela de titularidade municipal, situada na rúa Marxión, para destinala á construción de vivenda pública.
A conselleira tamén lle trasladou ao alcalde que a Xunta xa conta co estudo de viabilidade dun ámbito no municipio para desenvolver o Proxecto de Interese Autonómico que permitirá a construción de máis vivenda.
En relación ao ámbito das infraestruturas, a conselleira ratificou a continuidade das beirarrúas de conexión entre Bamio e Carril, cuxo primeiro tramo está en obras dende a confluencia da estrada PO-192 coa PO-548, ata o cemiterio.
Allegue remarcou a importancia da colaboración entre administracións para avanzar en actuacións que contribúan á mellora da calidade de vida dos cidadáns.