Alfonso Villares participa en Celeiro na tradicional Misa en lembranza de todos o falecidos no mar

Viveiro (Lugo), 27 de xullo de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este sábado na tradicional Misa en lembranza de todos os falecidos no mar, organizada pola Comisión Pro-monumento ao Náufrago. Deste xeito, como cada ano celebrouse en Celeiro este encontro anual, no que se homenaxea a todos os mariñeiros que perderon a vida faenando, como aconteceu esta mesma semana nas Malvinas, e na que dous galegos non puideron sobrevivir, ou en 1961 cando se produciu o afundimento de catro embarcacións; tres do porto de Celeiro -Badiola, Todos los Santos e Mari Loly Grela- e unha do porto de Espasante, causando un total de trinta vítimas mortais, das que 29 desapareceron no Cantábrico.

Alfonso Villares asistiu a este oficio relixioso coa esperanza de que o rescate das persoas, que continúan desaparecidas do Argos Georgia, se resolva o máis satisfactoriamente posible. O responsable autonómico agradece o traballo de todo o operativo de busca, e afirma que continúa en contacto coas autoridades competentes e as familias dos afectados neste tráxico suceso.

A Misa, cantada por Escolma de Meus, celebrouse na praza en memoria das xentes do mar, que foi inaugurada en 1995. Deste xeito, unha edición máis, numerosos representantes da sociedade civil e da política local e da comarca congregáronse neste lugar para, a continuación, participar na procesión de baixada ao porto coas Bandas Naval e da Misericordia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2024