Na presentación do Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo que terá lugar do 18 ao 25 de agosto
Lete Lasa destaca o excelente nivel do tenis feminino galego con referentes como Jessica Bouzas que recolle o legado de Lourdes Domínguez
Lembra que dende 2009 as licenzas deportivas de tenis aumentaron nun 50% e as femininas, nun 75%
Vigo, 1 de agosto de 2024
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participará na presentación do XXVI Torneo Internacional de Tenis Feminino Cidade de Vigo que terá lugar no Círculo Cultural Mercantil e Industrial de Vigo do 18 ao 25 de agosto. Lete Lasa destacou a importancia deste torneo que permite que 64 xogadoras individuais e 32 doblistas dos cinco continentes e de países tan afastados como Xapón, Australia, Ucraína, India ou Estados Unidos cheguen a Galicia “para incrementar o nivel do noso tenis”.
Neste sentido, o mandatario galego destacou o excelente nivel de Jessica Bouzas que hai varias semanas irrompeu con forza no top 100 do ranking WTA e que “está a superar os récords que a pontevedresa Lourdes Domínguez marcou algúns anos antes”. De feito, Lete Lasa lembrou que, no pasado mes de abril, Bouzas conseguía en Turquía o seu primeiro WTA 125, sendo a primeira en conseguir un título WTA dende Lourdes en 2011.
O secretario xeral ratificou o apoio da Xunta de Galicia ao tenis galego, que alcanza xa os 4 millóns de euros desde 2009, e lembrou que dende 2009 as licenzas deportivas de tenis pasaron de 5.000 a preto de 7.500, un aumento do 50%. Máis en concreto, subliñou o meteórico ascenso das fichas femininas que pasaron de 1.300 a máis 2.300, un aumento do 75%.