Un total de 77 alumnos de 11 centros ven premiadas as súas ideas de negocio no concurso ‘Atrévete a ter unha idea’

Enmarcado no Plan Eduemprende da Xunta, o programa inclúe visitas a asociacións de empresarios e centros de FP

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2024

Un total de 77 alumnos de 11 centros de Primaria e Secundaria foron premiados no certame Atrévete a ter unha idea, unha iniciativa da Xunta de Galicia que promove desde hai unha década o emprendemento entre os escolares.

O concurso conta con catro modalidades de participación –individual Educación Primaria, individual Educación Secundaria, grupal Educación Primaria e grupal Educación Secundaria– e son premiadas as tres mellores ideas de cada categoría. O alumnado galardoado recibe un dispositivo dixital ou unha experiencia multiaventura, segundo o premio sexa individual ou grupal, respectivamente.

Modalidade

Centro

Concello

Idea de negocio

Premio individual Educación Primaria

CEIP Xesús San Luís Romero

Carballo

Eco ciclo

CEIP Vicente Risco

Cualedro

Cortaleña

CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro

Vigo

Coche eólico

Premio grupal Educación Primaria

CEIP Plurilingüe A Fraga

As Pontes de García Rodríguez

A gran central espacial

CEIP Plurilingüe de Carballedo

Cercedo-Cotobade

Hortatel Carballedo

CEIP Plurilingüe de Riomaior

Vilaboa

Caretillo 3000

Premio individual Educación Secundaria

IES Plurilingüe Castro da Uz

As Pontes de García Rodríguez

Túa expresión

CPR Plurilingüe Lar

Mos

Pendentes magnetizados

IES Alexandre Bóveda

Vigo

Zapas como novas

Premio grupal Educación Secundaria

IES Eduardo Pondal

Santiago de Compostela

Vistas futuristas

IES Leliadoura

Ribeira

Cornamusa

CPR Plurilingüe Lar

Mos

MAC-PV

Os proxectos premiados na modalidade individual de Primaria foron desde unha empresa de aluguer de bicicletas eléctricas desenvolvida polo colexio CEIP Xesús San Luís Romero, ata unha máquina que corta e coloca a leña, pensada no CEIP Vicente Risco, pasando por un coche que funciona con enerxía eólica e que foi ideado por un alumno do CEIP Pintor Laxeiro.

Na categoría grupal de Primaria, as ideas que mereceron recoñecemento foron un hotel no que a clientela pode cultivar as súas propias hortalizas, proposto polo CEIP Plurilingüe de Carballedo; unha cesta que calcula o prezo dos produtos que se queren adquirir antes de chegar á caixa, ideado polo alumnado do CEIP Plurilingüe de Riomaior, e un proxecto co que reaproveitar as instalacións da antiga central térmica de As Pontes, deseñado no CEIP Plurilingüe A Fraga.

O alumnado premiado en individual de Secundaria propuxo ideas como un espazo artístico multidisciplinar, desde o IES Plurilingüe Castro da Uz; unha empresa de pendentes personalizables, creada no CPR Plurilingüe Lar; e un servizo de limpeza integral de zapatillas, nacido no IES Alexandre Bóveda.

Finalmente, na modalidade grupal de Secundaria, foron premiados o IES Eduardo Pondal, cunhas gafas que se adaptan ás necesidades do usuario e que ademais permiten cargar outros dispositivos grazas á enerxía solar. Tamén recibiron recoñecemento as ideas do IES Leliadoura, que presentou unha axencia de viaxes personalizadas e especializada no Barbanza; e a do CPR Plurilingüe Lar, que propón unha máquina expendedora que permite facer a compra a persoas con mobilidade reducida.

Programa Atrévete

Enmarcado no Plan Eduemprende, o concurso ten entre os seus obxectivos promover as competencias persoais e sociais, relacionadas co emprendemento, que fomenten un espírito crítico, proactivo e colaborativo entre o alumnado; así como dar a coñecer aos estudantes o tecido industrial.

Data de actualización: 16/08/2024