A Xunta apoia a recuperación da Festa de exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz

Boiro (A Coruña), 18 de agosto de 2024

Regresa tras unha ausencia de oito anos a Festa de exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz, no concello coruñés de Boiro, na que a calidade e sabor deste bivalvo foron os principais protagonistas. Á cita gastronómica acudiu a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, en representación da Consellería do Mar que está apoiando a celebración desta nova edición que supuxo unha excelente oportunidade para que tanto a veciñanza como os visitantes que recalan na zona nesta época estival puideran gozar deste manxar.

No evento colaboraron as principais agrupacións de mexilloeiros boirenses co obxectivo de seguir achegando a riqueza das propiedades culinarias dun dos produtos máis emblemáticos e recoñecidos das nosas rías e buque insignia da gastronomía galega. Por outra banda, tamén serviu de recoñecemento ao bo facer dun sector referente internacional no ámbito da acuicultura cun papel estratéxico no sector pesqueiro e no conxunto da economía galega.

Data de actualización: 18/08/2024