A Xunta desactiva o Plan Camgal e dá por finalizado o episodio contaminante por gasóleo en Pontedeume
Pontedeume (A Coruña), 19 de agosto de 2024
A Xunta de Galicia desactivou esta tarde o Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (Plan Camgal) e deu por finalizado o episodio contaminante por gasóleo ocasionado polo afundimento do buque pesqueiro Jato Roxo no porto de Pontedeume.
O pasado domingo tomouse esta medida no seu nivel de emerxencia mínimo como medida de precaución ante a presenza de restos hidrocarburos procedentes do buque. Ata alí se trasladou a auxiliar do remolcador de altura de Gardacostas de Galicia Ría de Vigo, alertados polo 112, onde constatou o pequeno alcance da mancha de combustible e procedeu a despregar barreiras absorbentes ao redor do punto onde se atopaba o barco afundido co obxectivo confinar o escaso material contaminante. Pola tarde, para non obstaculizar as labores de reflote da embarcación levadas a cabo por persoal da Armada, foron retiradas as barreiras absorbentes.
No día de hoxe, desprazouse pola mañá ao lugar a embarcación de Gardacostas Illa de Sálvora para comprobar ‘in situ’ a situación, atopando restos residuais e de escasa presenza. Pola tarde volveu á zona a auxiliar do remolcador de altura Ría de Vigo para realizar unha nova avaliación da situación e, tras comprobar a remisión deste episodio de contaminación, o Goberno galego decidiu desactivar o Plan Camgal. Esta decisión foi trasladada polo Presidente do Plan Camgal e conselleiro do Mar, Alfonso Villares, ao delegado do Goberno en Galicia Pedro Blanco.