A Xunta mellorará a pavimentación de varios camiños nas parroquias de Vilariño e Castrelo, en Cambados

O delegado territorial visitou os resultados das obras levadas a cabo grazas ao Plan Marco 2023-2024 e anunciou as actuacións que serán posibles grazas á convocatoria deste ano

O Plan Marco 2024-2025 conta cun orzamento de preto de medio millóns de euros para a comarca do Salnés e Ullán, e máis de 3,2 millóns para o total da provincia de Pontevedra

Cambados, 20 de agosto de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o resultado das obras de mellora da pavimentación dos camiños de Couto de Abaixo, na parroquia cambadesa de Castrelo.

As obras, que foron posibles grazas ao Plan Marco 2023-2024 da consellería de Medio Rural e contaron cun orzamento de preto de 50.000 euros, permitiron mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos veciños e veciñas da zona.

O delegado territorial aproveitou a visita para anunciar as obras que se levarán a cabo neste concello grazas ao Plan Marco 2024-2025 e que, cun orzamento semellante ao do ano pasado, permitirán mellorar a pavimentación de camiños en Covas Lobos e Revolta, nas parroquias de Vilariño e Castrelo.

Cabe destacar que o Plan Marco 2024-2025 deixará na do Salnés e Ullán preto de 500.000 euros en investimentos que permitirán, ademais das obras citadas en Cambados, mellorar camiños municipais en Catoira; o camiño de Ameiró, en Meaño;  o acceso a parcelas agrícolas nas parroquias de Armenteira e Meis; a pista da Barosa e  o camiño do Ullán, en Pontecesures; o acceso aos núcleos de Outeiro e Puxafeita, en Ribadumia; o vial principal entre Gondariño e Carballo, en Sanxenxo; un camiño municipal no lugar de Carracido, en Valga; un camiño na rúa Canto de Sobrán, en Vilagarcía de Arousa; e  varios camiños rurais na parroquia de Tremoedo, en Vilanova de Arousa.

Neste sentido, Reguera lembrou a importancia destas axudas que permiten “modernizar as infraestruturas das zonas rurais para fomentar a súa comunicación e accesibilidade”.

O Plan Marco 2024-2025 conta cun orzamento para a provincia de Pontevedra de máis de 3,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/08/2024