A Xunta publica no DOG a convocatoria en setembro e outubro dos titulares dos terreos necesarios para a reforma do cruzamento de Setados na PO-400, no concello das Neves

O levantamento das actas previas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto terá lugar o día 17 de setembro de 2024 no Concello das Neves

A formalización das actas de ocupación terá lugar o 22 de outubro na Casa Consistorial

Estas actuacións, cun investimento superior aos 460.000 euros, terán lugar na intersección situada no punto quilométrico 9+980, punto de acceso principal a esta parroquia do municipio pontevedrés

Trátase de desprazar uns 55 metros a intersección ata o punto quilométrico 10+035, co fin de ampliar a calzada e dar cabida aos carrís de xiro e aos de acceso, asegurando a visibilidade dos vehículos que entran e saen da parroquia

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2024

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria nos meses de setembro e outubro dos titulares dos terreos necesarios para completar a reforma do cruzamento de Setados na estrada PO-400, no concello das Neves.

O investimento que o Goberno galego destinará á actuación na intersección situada no punto quilométrico 9+980 desta vía autonómica, punto de acceso principal á parroquia pontevedresa, superará os 460.000 euros.

Así, o DOG recolle hoxe este anuncio polo que se convocan os actos para o levantamento de actas previas á ocupación o día 17 de setembro, entre as 10:00 e as 12:00 horas, no Concello das Neves.

Posteriormente, o acto da formalización das actas de ocupación levarase a cabo o día 22 de outubro, no mesmo lugar e seguindo o mesmo horario.

Esta aprobación definitiva do anteproxecto implica a declaración de utilidade pública dos terreos necesarios para executar as obras. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240821/AnuncioG0181-100724-0001_gl.html

A actuación ten como obxectivo mellorar as condicións dese cruzamento de Setados, co fin de aumentar a visibilidade e reforzar a seguridade viaria nos movementos de tráfico. Isto permite acometer unha intervención máis ampla, tras terse executado hai uns anos pequenas actuacións destinadas a mellorar a contorna.

En concreto, a actuación consistirá na substitución da intersección actual por unha con carrís centrais de espera (aceleración e deceleración), que permita realizar manobras cun maior grao de seguridade.

Actualmente, o cruzamento da PO-400 coa vía municipal que conecta cos núcleos da Laxe e da Igrexa presenta problemas de visibilidade, está moi próximo a unha vivenda e hai un cambio de rasante cercano.

Tendo en conta iso, a actuación que a Xunta se propón executar supón desprazar a intersección ata o punto quilométrico 10+035, é dicir, uns 55 metros.

Deste xeito faise posible ampliar a calzada para dar cabida aos carrís de xiro e aos de acceso, asegurando a visibilidade dos vehículos que entran e saen da parroquia de Setados.

Ademais desa ampliación da calzada da PO-400 e do desprazamento do cruzamento, a intervención deseñada inclúe o desvío para conectar a vía municipal coa estrada autonómica de forma segura.

A intervención de mellora da intersección inclúe alumeado público, ampliando a rede existente na travesía da PO-400 ata a zona de intersección.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten como obxectivo iniciar as obras no segundo trimestre de 2025, cun prazo estimado de execución dos traballos de 4 meses.

O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis sostible.

Data de actualización: 21/08/2024