Medio Rural salienta os produtos agroalimentarios galegos con certificado de calidade durante a Vuelta Ciclista no seu paso por Lugo

A conselleira, María José Gómez, puxo en valor os beneficios que outorga unha alimentación baseada nos produtos da nosa terra

No recinto que a Volta a España habilita en cada saída de etapa, o público poderá catar os catro queixos con DOP de Galicia e os viños da DO Ribeira Sacra, recibindo tamén explicacións das súas características singulares

A iniciativa busca promocionar os produtos da comunidade con indicativo de calidade diferenciada no contexto do deporte de elite, vencellando así os dous piares dunha boa saúde: unha boa alimentación e o exercicio físico

Lugo, 30 de agosto de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, promocionou os produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade no posto situado na saída da etapa da Vuelta a España ao seu paso por Lugo. Neste espazo vencellado á Asociación Provincial de Hostalería de Lugo e subvencionado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, baixo o lema “E para comer Lugo”, o público que se achegase puido catar os catro queixos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) de Galicia –Cebreiro, Queixo Tetilla, San Simón e Arzúa-Ulloa- e os viños tintos da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra. Desta forma, a conselleira puxo en valor os beneficios que outorga unha alimentación baseada nos produtos da nosa terra.

No marco desta iniciativa ofrécense explicacións das características singulares que estes posen estes produtos e que os fan contar con certificado de calidade. Esta iniciativa busca promocionar os produtos da comunidade no contexto do deporte de elite, vencellando así os dous piares dunha boa saúde: unha alimentación de calidade e exercicio físico. Faise en cada saída da etapa, que se corresponden con Ponteareas, Padrón, Ourense, Lugo, Villafranca del Bierzo (Castela e León), Infiesto (Asturias), Luanco (Asturias), Arnuero (Cantabria), Vitoria Gasteiz (Álava), Logroño e Villarcayo (Burgos).

Neste contexto, cómpre citar a importancia da existencia e promoción das denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, xa que constitúen unha ferramenta esencial no sector agroalimentario porque delimitan unha zona concreta do territorio onde se pode producir e elaborar un produto, favorecendo que o valor engadido e riqueza quede aí. Á súa vez, Impiden que a denominación poida ser empregada por aqueles que non teñen dereito ao seu uso e prestixian e dar a coñecer a zona de produción, potenciando outras actividades económicas que se desenvolven nese territorio.

Nesta liña, tanto as DOP de queixos de Galicia como os viños amparados ao abeiro da DO Ribeira Sacra achegan un valor engadido ao rural galego. Así, o recoñecemento da súa calidade promove a posición de Galicia como comunidade caracterizada, entre outras moitas cuestións, polos seus produtos agroalimentarios. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria e os consellos reguladores son os encargados de velar pola promoción das denominacións e desenvolver programas destinados a garantir a excelencia das diferentes producións de cara aos consumidores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2024