A Consellería do Medio Rural lembra que segue aberto o prazo de matriculación no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo en Bergondo
Este centro coruñés oferta o ciclo medio de Formación Profesional en Xardinaría e Floraría e o superior de Paisaxismo e Medio Rural, tanto nos formatos dual como semipresencial, e os estudantes interesados aínda poden presentar a súa solicitude
O alumnado formarase de forma teórica e práctica tanto no centro educativo como nas empresas colaboradoras, especialmente na formación dual, favorecendo a súa inserción laboral
Aquelas persoas interesadas en matricularse poderán solicitar máis información na web do centro ou no número de teléfono: 881 881 057
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2024
O prazo para matricularse nos graos de Formación Profesional do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, situado na localidade coruñesa de Bergondo e dependente da Consellería do Medio Rural, segue aberto para os ciclos de Xardinaría e Floraría e de Paisaxismo e Medio Rural.
Os estudantes que cursen o ciclo medio de Xardinaría e Floraría obterán os coñecementos necesarios para realizar operacións de implantación, deseño, mellora e conservación de xardíns, tanto de interior como de exterior, para a comercialización de material vexetal e de xardinaría en axeitadas condicións de hixiene, seguridade e respectuosas co medio ambiente, así como para o manexo de maquinaria propia dos labores de xardinaría.
No caso do ciclo superior de Paisaxismo e Medio Rural aprenderán a realizar proxectos de xardíns e zonas verdes, pero tamén a xestionar a produción de plantas e a agrícola, supervisando os traballos, programando e organizando os recursos materiais e humanos dispoñibles, aplicando criterios de rendibilidade económica e cumprindo coa normativa ambiental, de produción ecolóxica, de viveiro, de control de calidade, de seguridade alimentaria e de prevención de riscos laborais.
Formación práctica remunerada
Cabe sinalar que nos ciclos baixo a modalidade de Formación Profesional Dual intensiva, os estudantes reciben formación teórica no centro educativo e práctica -remunerada- nun centro de traballo. Isto favorece a súa inserción laboral, xa que ao rematar o ciclo o estudante contará con experiencia previa.
Aquelas persoas interesadas en matricularse poderán solicitar máis información na web do centro ou no número de teléfono: 881 881 057.