A Xunta facilita o servizo de transporte adaptado ao alumnado de entidades da Coruña especializadas na atención á diversidade

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, formalizou hoxe os acordos con seis asociacións para cubrir os desprazamentos aos centros escolares e aos tratamentos que coincidan en horario lectivo

O orzamento para a prestación do servizo a través destas colaboracións supera o millón de euros financiados polo Goberno galego

A Coruña, 16 de setembro de 2024

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou hoxe convenios con seis entidades da provincia da Coruña especializadas na atención á diversidade para facilitarlle o servizo de transporte adaptado ao seu alumnado. O orzamento destinado a estes acordos supera o millón de euros. No acto participaron a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.

Así, por unha banda, formalizáronse addendas aos convenios xa subscritos coa Asociación para a atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise-dano cerebral e as súas familias (AMICOS), coa Asociación de Padres de Personas con Parálisis Cerebral (ASPACE), coa Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES), coa Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (ASPRONAGA) e co I-LAB Centro Especial de Emprego S.L. A estas beneficiarias súmase este curso o novo convenio con Lenda Educativa.

Segundo explicou o conselleiro, a través desta colaboración o Goberno galego faise cargo do 100% do gasto derivado da prestación do servizo de transporte, incluíndo o apoio de persoas auxiliares. Pola súa banda, as asociacións comprométense a facilitar os desprazamentos cos vehículos adaptados que sexan necesarios, así como a prestar os pertinentes servizos especializados de acompañamento e atención ao alumnado trasladado.

Desprazamentos e atención específica

Os convenios cobren os desprazamentos de ida e volta desde os domicilios dos rapaces aos seus centros escolares, así como a ou desde os centros en que reciban tratamento de rehabilitación, cando este coincida co horario escolar. Ademais, estará adaptado ás necesidades horarias dos estudantes, moitas veces condicionadas polos tratamentos médicos que necesitan. Nesta liña, Diego Calvo lembrou que os escolares beneficiados por esta acción presentan distintos tipos de discapacidade, polas que precisan nos seus traslados ao centro educativo dunha atención específica e personalizada, de acordo coas súas necesidades físicas e psíquicas particulares.

A colaboración acadada encádrase no compromiso da Xunta coa atención á diversidade do alumnado galego, garantindo o acceso á educación dun sector da poboación escolar galega que require unha atención específica e preferente. O apoio do Goberno galego na prestación do servizo de transporte adaptado ao alumnado esténdese a outras dez entidades en toda Galicia. Deste xeito, o orzamento para o curso 2024-2025 ascende a máis de 1,8 millóns de euros, un 11% máis que o destinado o curso que vén de rematar, no que se destinaran máis de 1,6 millóns de euros. 

O conselleiro enmarcou tamén o acto de formalización de hoxe na Semana Europea da Mobilidade, que se celebra ata o domingo e que inclúe entre os seus puntos clave o progreso cara a un modelo de transporte máis accesible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2024