A conselleira de Política Social e Igualdade deu conta hoxe desta nova convocatoria de achegas nunha vista ao campamento de conciliación da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro)

Fabiola García lembra que desde mañá se poden solicitar as axudas do Bono Concilia Familia para o pago de campamentos ou coidadores a domicilio

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as bases que rexen a concesión deste apoio económico, dirixido a satisfacer as necesidades de conciliación que teñen as familias en momentos puntuais ou en períodos non lectivos

Como novidades, amplíase a axuda a todos os nenos que cumpren os 13 anos en 2024 e faise máis sinxela a solicitude para axilizar a súa tramitación e pagamento

Verín (Ourense), 17 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, informou esta tarde de que a partir de mañá e ata o vindeiro 17 de outubro estará aberto o prazo para acollerse ás axudas do Bono Concilia Familia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria deste programa pensado para que os pais e as nais que traballan poidan atender as súas necesidades de conciliación de carácter puntual, por exemplo: por enfermidade ou cuestións laborais; ou durante os períodos de vacacións escolares.

Fabiola García recordou a publicación desta nova convocatoria de achegas durante unha vista ao campamento de conciliación que organiza en Verín a Federación Provincial e Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo. A conselleira explicou as novidades que presenta esta edición do Bono Concilia Familia: aumenta a súa dotación económica inicial en case un 70% con respecto ao ano pasado, ata acadar os 2,6 millóns de euros; e amplíase a todos os nenos que cumpren 13 anos en 2024, cando ata agora estaba limitada ata os 12.

Así mesmo, outra mellora desta convocatoria é que simplifica a petición da axuda para axilizar a tramitación e pagamento, eliminándose a presentación dalgúns documentos que a administración xa pode consultar internamente e non ten necesidade de pedilos ás familias. Tamén se retrasa a convocatoria desde mediados de setembro ata mediados de outubro para que as familias que levaron aos seus fillos a un campamento en agosto ou setembro teñan as mesmas finalidades á hora de solicitar esta achega que aquelas que os levaron en xuño ou xullo.

As contías desta axuda poden ser de 500 euros por unidade familiar para a contratación dunha persoa empregada do fogar ou servizos de atención á infancia a domicilio; ou de 200 euros por cada neno para o pago de campamentos ou doutros recursos de conciliación, como ludotecas ou espazos infantís. Polo tanto, unha familia con tres fillos pode percibir unha axuda de ata 600 euros.

O ano pasado, concedeuse o Bono Concilia Familia a preto de 11.000 familias galegas, duplicando as cifras de 2022. A previsión para a convocatoria deste ano 2024 é beneficiar a unhas 13.500 para este novo inicio do curso.

Campamento de conciliación e outras medidas

A conselleira de Política Social e Igualdade sinalou que este programa forma parte das medidas de apoio ás familias e á conciliación que ten en marcha a Xunta de Galicia, tales como: a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, as casas niño e as casas do maior, a tarxeta benvida ou os campamentos de conciliación como o que na xornada de hoxe visitou en Verín.

Esta actividade, organizada por Femuro e financiada polo Plan Corresponsables do Executivo autonómico, conta coa participación de nenos entre os 8 e os 12 anos de idade e se prolongará ata finais deste mes de setembro para que as familias teñan un recurso de conciliación mentres que non empezan as actividades extraescolares. Os nenos realizan actividades creativas, xa que a temática deste programa é ‘Artistas’.

A través do Plan Corresponsables, a Xunta de Galicia financia actividades e servizos de conciliación en 170 concellos, unha vintena de entidades sociais e 60 Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) de toda Galicia, e nas que participan arredor de 30.000 nenos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2024