Rueda anuncia que a Xunta pedirá reunións con cada ministerio para insistir nas demandas prioritarias trasladadas a Pedro Sánchez
O presidente da Xunta sinala no Parlamento que el mesmo se dirixirá ao ministro de Política Territorial para que convoque esta mesma semana a Comisión mixta de transferencias para a xestión do litoral
Pon en valor a xestión económica da Comunidade e sinala que a condonación da débeda sería “un negocio ruinoso” que suporía pagar 495 euros a cada galego
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe na sesión de control do Parlamento que, ante a falta de compromisos por parte do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, na reunión do pasado venres, a Xunta vai seguir insistindo ante cada ministerio nas demandas prioritarias de Galicia. Así, “todos os conselleiros vanse dirixir por carta pedindo entrevistas recordando os asuntos que eu lle deixei no dossier”, apuntou o máximo responsable do Goberno autonómico.
Rueda lembrou que Sánchez só se comprometeu a convocar xa a Comisión mixta de transferencias para a xestión do litoral, e indicou que el mesmo se vai dirixir directamente ao ministro de Política Territorial para que convoque esta comisión “inmediatamente, xa esta mesma semana”. “Non máis que ninguén, pero desde logo non menos que ninguén”, incidiu o presidente autonómico, quen lembrou que a Xunta tivo que chegar ata o Tribunal Constitucional para conseguir a xestión do litoral.
“Se o Goberno se dá conta de que a Galicia hai que prestarlle a atención, as cousas irán mellor” apuntou. “Se non, podo asegurarlle que Galicia seguirá funcionando, e a mellor proba, o primeiro chanzo é aprobar o orzamento”, incidiu Rueda.
Recordou que a Xunta executou practicamente o 100 % do orzamento máis alto da historia, e que Galicia está no nivel de débeda máis baixo desde o 2012. O presidente autonómico insistiu en que Galicia non pide a condonación da débeda “porque é un negocio ruinoso”, intercambiando a débeda dunha das comunidades menos endebedadas pola de Cataluña, que debe máis de 30 veces máis que Galicia. “Cada galego tería que pagar 495 euros, para que o independentismo catalán se libre deses intereses, e a cambio nós non gañamos absolutamente nada”, subliñou Rueda.
Así, segundo os cálculos da Xunta, de aplicarse a condonación a todas as comunidades cada galego debería un 20 % menos de débeda autonómica (922 euros), pero ao mesmo tempo incrementaríase a parte de débeda española que corresponde a cada cidadán en 1.417 euros, o que resultaría nunha suba de 495 euros por galego.