A Xunta difunde o deseño como ferramenta de innovación social e económica a través de cinco casos de éxito
O evento ‘Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego’ reune a un cento de persoas na Cidade da Cultura con Orballo, Porto-Muiños, Fina Rei, Revertia e o Hotel Bela Fisterra como protagonistas
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional reuniu hoxe a un cento de persoas na Cidade da Cultura para coñecer de primeira man a experiencia de cinco empresas que se están a beneficiar da incorporación do deseño como ferramenta de crecemento e competitividade.
Durante a xornada Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego, representantes de Orballo, Porto-Muiños, Fina Rei, Revertia e o Hotel Bela Fisterra expuxeron como están a potenciar factores como a diferenciación, a funcionalidade, a experiencia de usuario, a sustentabilidade e a accesibilidade grazas á implantación do deseño nas súas estratexias empresariais. Esta implantación está a ser posible en todos estes casos grazas ao apoio de DeseñaPeme, a liña específica de axudas da Xunta de Galicia promovida no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - DIFERENZA. Trátase dunha iniciativa pioneira en España, que consegue mobilizar o investimento en deseño das empresas e o seu retorno en forma de beneficios para a sociedade.
Os relatores
Pepe Formoso, propietario do Hotel Bela Fisterra, explicou que o deseño é un elemento central da súa diferenciación como único hotel literario de Galicia, sostible, inspirado no mar e consagrado ás artes. O seu próximo proxecto, co apoio do programa DeseñaPeme, é a Belissima Terraza, coa identidade visual de Xosé Teiga, a primeira colección de mobles de exterior de Isaac Piñeiro e a piscina deseñada por Creus e Carrasco.
Desde a axencia de comunicación Siete Olas, Javier Herranz presentou a nova liña de produtos de chocolate do obrador Fina Rei, deseñados por cinco escultores galegos. Cada deseño representa un momento importante da vida e o packaging inclúe unha cápsula do tempo para compartir coa familia. Esta nova liña de produtos, creada co apoio de DeseñaPeme, será presentada no mercado en outubro.
O responsable de márketing de Orballo, Óscar Torres, asegura que o deseño é o vehículo para dotar os seus produtos de valor engadido, o seu principal elemento diferencial. A súa forma de medir o impacto do deseño inclúe indicadores como o incremento nas vendas e na distribución, a mellora do recoñecemento de marca, a diferenciación, o aumento no catálogo de referencias e a mellora na usabilidade do envase.
Tamén desde o sector da alimentación, Manuela Buján, do equipo de I+D de Porto-Muiños, destacou o papel do deseño desde os inicios da empresa para dar a coñecer un produto que eran tan descoñecido no sector da alimentación como son as algas mariñas. A empresa prepara unha nova liña de produtos que supón unha diversificación da súa produción e que será presentada proximamente.
Juan Bastante, responsable comercial da empresa do sector medioambiental Revertia, expuxo o plan que están a executar grazas a DeseñaPeme con base na identidade corporativa, a estratexia de marca e o deseño de servizo. O proceso estalles a permitir mellorar as súas relacións coa clientela e desenvolver liñas de branding específicas para cada unha das súas liñas de servizo.