Medio Rural destaca o potencial do sector das plantas ornamentais de Galicia na feira internacional Iberflora
Valencia, 1 de outubro de 2024
O director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, estivo presente hoxe na inauguración da feira Iberflora, que se está a celebrar ata o vindeiro xoves en Valencia. A Axencia participa nesta edición cun espazo expositivo que acolle a oito empresas coexpositoras de planta ornamental, que son Coplant Galicia, Viveros Juan Peixoto, Plant-Plus, Viveiros de Romai, Fomento Vegetal de Galicia, Veraleza, Viveros Cabaleiros e Vinivius Terrae. Aproveitando a ocasión, Alemparte puxo en valor o sector e o traballo destas empresas que representan a Galicia en Iberflora.
Por outra banda, cómpre salientar que o sector da flor e da planta ornamental representa o 8,41% da produción agraria final en Galicia e, no panorama nacional, a comunidade galega ocupa o quinto posto como produtora de flores e plantas ornamentais, achegando o 9% do valor total a España. Ademais, a Consellería do Medio Rural está a elaborar a Estratexia da planta ornamental e da flor en Galicia para seguir potenciando este eido produtivo.