Martina Aneiros anima ás mozas e mozos de Ferrolterra de entre 16 e 30 anos a que amosen o seu talento artístico no certame ‘Xuventude Crea 2024’
A delegada territorial da Xunta en Ferrol lembrou que o prazo para participar neste programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remata o próximo 10 de outubro
A iniciativa coa que se procura o desenvolvemento artístico da mocidade galega, ábrese este ano á participación de persoas galegas residentes no estranxeiro e a descendentes de galegos emigrantes
Ferrol, 4 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, animou esta mañá ás mozas e mozos de Ferrolterra de entre 16 e 30 anos a concorrer ao certame Xuventude Crea 2024, uns galardóns que convoca a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa fin de fomentar o desenvolvemento do talento artístico galego, á par que apoia a innovación e a creatividade.
A convocatoria, que ten o prazo aberto ata o próximo 10 de outubro, conta este ano con 16 categorías, dúas máis que o ano pasado. Así, ás disciplinas de artes plásticas, fotografía, moda, deseño de xoias, arte urbano, música, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, creación de videoxogos, poesía, danza e teatro, súmanse esta vez as modalidades de DJ e creación de contido.
Ademais dentro da especialidade de teatro créanse este ano dúas modalidades cos seus respectivos premios económicos: teatro Amador, para grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros, e teatro Pro, orientado a compañías de nova creación, profesionais emerxentes e grupos formados por alumnos ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Neste último caso, as persoas ou compañías galardoadas recibirán ademais do premio económico un impulso ao lanzamento do seu proxecto artístico a través do Centro Dramático Galego.
A delegada territorial lembrou que o programa Xuventude Crea 2024 establece premios en metálico de 2.000, 1.500 e 1.000 euros, respectivamente, para os tres primeiros clasificados en cada disciplina, así como un premio especial de 1.000 euros para a modalidade de música clásica, dentro da especialidade de música. “Ademais dos premios, a convocatoria prevé axudas económicas para as persoas participantes que accedan á fase final de determinadas especialidades e as obras finalistas e premiadas serán obxecto de difusión e promoción a través de varias exposicións e eventos”, aclarou Aneiros.
Outra das novidades da presente convocatoria é que está aberta á participación a descendentes de persoas emigrantes galegas ata o terceiro grao e a persoas galegas que teñan residencia habitual no estranxeiro e estean vinculadas con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).
Os premios Xuventude Crea 2024 outorgaranse de forma oficial nunha gala prevista para mediados do mes de decembro.