A delegada territorial de Ferrol participou esta mañá no pavillón de Esteiro no acto de apertura deste evento

Aneiros incide no compromiso da Xunta coa formación orientada á empregabilidade durante a inauguración da II Feira ‘Festalent’ do Campus Industrial

Destaca o papel do campus de Ferrol como “motor económico e de dinamización dunha comarca inmersa nunha gran transformación produtiva”

Máis de 40 empresas e institucións se darán cita ao longo de toda a xornada no evento no que tamén se impartirán conferencias, mesas redondas e un obradoiro

Ferrol, 10 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na apertura da segunda edición da Feira de Empresas e Talento, Festalent, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC) onde incidiu na importancia de aliñar as necesidades das empresas coas aspiracións dos mozos e mozas galegos, “creando sinerxias que beneficiarán a toda a sociedade”.

Durante a súa intervención, Aneiros manifestou o compromiso do Goberno galego cunha formación orientada á empregabilidade, pero tamén na necesidade de que as empresas e as institucións públicas colaboren para crear oportunidades reais de crecemento.

Destacou o papel do campus industrial de Ferrol como motor económico e dinamización nunha comarca, a de Ferrolterra, que está inmersa nunha gran transformación produtiva e defendeu a especialización técnica como a que posúe o campus de Ferrol, que vén de renovar a súa acreditación como campus especializado, como “o camiño a seguir”.

A delegada territorial felicitou ao Campus Industrial de Ferrol pola iniciativa “que simboliza a cooperación entre o ámbito educativo e o tecido empresarial” e as empresas participantes “por apostar pola innovación e o talento emerxente como motores de crecemento, e polo seu compromiso en ofrecer aos nosos mozos a oportunidade de desenvolver o seu potencial”.

A Feira de Empresas e Talento, Festalent, reúne durante toda a xornada de hoxe no pavillón municipal de Esteiro a máis de 40 empresas e institucións coa fin de tecer pontes de contacto co alumnado universitario que está a buscar a súa primeira oportunidade laboral.

Como novidade deste ano, contará cun córner dedicado exclusivamente ao emprendemento no que o público asistente poderá coñecer de primeira man tres proxectos empresariais nados no Campus Industrial de Ferrol.

De forma paralela no salón de actos do campus desenvolverase unha conferencia sobre emprendemento impartida pola cofundadora da empresa de enxeñaría Cesac, Soledad Somoza; dúas mesas redondas centradas no papel dos colexios profesionais e nas perspectivas de emprego sectorial desde o punto de vista da empresa, e un obradoiro de marca persoal impartido pola fundadora de Strategia Online e EME Escuela de Márketing, Begoña Rodríguez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/10/2024