Esta mañá, o delegado da Xunta en Ourense saudou aos participantes do obradoiro de emprego ‘Portas do Xurés II’, en Bande
Manuel Pardo sinala os obradoiros duais de emprego como unha ferramenta para incrementar as oportunidades laborais das persoas desempregadas
O delegado da Xunta indicou que neste obradoiro formarase a 20 alumnos - traballadores nos módulos de operacións auxiliares de albanelería de fábricas (10) e actividades auxiliares en traballos de carpintería e moble (10)
O representante do Goberno autonómico sinalou que os obxectivos destas iniciativas da Xunta son mellorar a empregabilidade dos participantes, desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, e colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos
O obradoiro de emprego desenvolve actuacións nos concellos de Bande, Lobeira e Lobios
Ourense, 15 de outubro de 2026
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Bande, acompañado da súa alcaldesa, Sandra Quintas, o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias, e o tenente de alcalde de Lobios, Jesús Rodríguez, coincidindo co inicio do obradoiro de emprego Portas do Xurés II, no que se dará formación a 20 alumnos - traballadores nos módulos de operacións auxiliares de albanelería de fábricas (10) e actividades auxiliares en traballos de carpintería e moble (10).
O delegado da Xunta salientou a importancia destes obradoiros, que a maiores de formar a persoas con especiais dificultades de inserción laboral que desenvolven un traballo de interese público remunerado, estes homes e mulleres poden obter un certificado de profesionalidade. Unha vez completen a formación -resaltou o representante do Goberno galego- adquiren ferramentas para reforzar habilidades e competencias en base ás demandas do mercado laboral e que lles permitan obter un emprego de calidade.
Nesta liña, subliñoulle aos participantes que “cando rematedes este obradoiro disporedes dunha formación que vos facultará profesionalmente para atopar emprego de maneira máis doada”. Trátase –recalcou Manuel Pardo- dunha oportunidade que debedes aproveitar.
Manuel Pardo sinalou que é meta dos obradoiros duais de emprego o incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas. Teñen unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.
Actuacións
No concello de Bande, entre outros traballos acondicionarase a contorna da capela da Magdalena, reparase a cúpula do forno e a cuberta do matadoiro; e mellorarase a fonte lavadoiro en Sarreaus e a fonte Badella.
No concello de Lobeira levarase a cabo o acondicionamento das fontes lavadoiro de Buin en Senderiz, de Sabariz e de Gaias.
No concello de Lobios desenvolverán o mantemento da ruta Poza de Seima- A Cela e da área recreativa da Portaxe; a limpeza dos lavadoiros en Bufaces e Herdadiña; e o acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol.
Ademais realizarase a cubrición de contedores para a súa posterior instalación en diferentes lugares dos tres municipios.