A Xunta destaca o potencial de Galicia no ámbito da economía social e a súa capacidade para xerar emprego ligado ao territorio
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, acompañada pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez Guzmán, participou na clausura da 6ª edición dos Cafés con aroma a economía social, evento organizado polo Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal). Alí a secretaria xeral destacou o peso na nosa Comunidade desta fórmula solidaria ligada ao territorio, xeradora de riqueza e emprego.
Ademais, lembrou o compromiso autonómico con este ámbito a través da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027 e a importancia de traballar da man de entidades como Foroesgal para seguir avanzando na consolidación deste modelo. Neste campo, tamén destacan os plans locais de economía social presentados recentemente en Baiona e Ribadavia e que buscan identificar as oportunidades desas contornas e definir medidas adaptadas ás súas características sociais, económicas e produtivas.