No Consello Consultivo de Política Pesqueira e Política Agrícola para Asuntos Comunitarios
Villares defende o mantemento e mellora dos TAC e cotas das especies de interese para Galicia de cara á vindeira reunión do ICCAT de novembro en Chipre
O titular de Mar insta á Comisión a solicitar ás entidades pesqueiras non contratantes colaboradoras (CPC) que se sumen á política antifinning
Tamén avogou por reforzar as medidas necesarias para garantir que non só sexa frota comunitaria a que cumpra coas medidas de protección da quenlla, chegando a tomar medidas comerciais fronte as CPC incumpridoras se fora preciso
Por outra banda, sinalou que as cotas de peixe espada están actualmente altamente utilizadas polo que reclamou ao ministro Planas maiores posiblidades de pesca desta especie
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios celebrado o pasado martes o mantemento e mellora dos TAC e cotas das especies de interese para Galicia de cara á vindeira reunión anual da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT) que terá lugar en novembro en Chipre. Esta entidade internacional xestiona as principais especies de interese para a frota de palangre de superficie como son o peixe espada, a quenlla, o marraxo e o bonito do norte.
No encontro instou á Comisión a demostrar o seu liderado e solicitar ás entidades pesqueiras non contratantes colaboradoras (CPC) que se sumen á política de aletas adheridas de forma natural ou antifinning, e que demostren con probas científicas a eficacia dos sistemas que afirman ter en marcha. Compre recordar que a UE garante a plena utilización dos tiburóns mediante a adopción do Regulamento (UE) 605/2013 sobre o cercenamento das aletas. En anteriores reunións do ICCAT, a UE patrocinou varias propostas para substituír a obsoleta Recomendación 2004/10 por unha prohibición desta práctica, exixindo que todos os tiburóns se desembarquen coas aletas adheridas de forma natural. Lamentablemente, estas propostas fracasaron repetidamente ata agora debido á oposición de Xapón e China.
Por outra banda, o titular de Mar sinalou que as cotas de peixe espada están actualmente altamente utilizadas polo que existen casos como o das frotas de litoral que non poden acceder nin a capturas accidentais polo que reclamou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, maiores posibilidades de pesca desta especie ben de forma directa ou mediante o intercambio con outras sobrantes. Nesta liña, demandou a obtención de máis cota porque a actual non responde ás necesidades da frota, situación que se ve agravada pola deficiente xestión das mesmas por parte do Goberno central.
Por último, avogou por reforzar as medidas necesarias para garantir que non só sexa a frota comunitaria a que cumpra coas medidas de protección da quenlla chegando a tomar medidas medidas comerciais fronte as CPC incumpridoras se fora preciso. Tamén puxo en valor o traballo das frotas palangreiras españolas, fundamentalmente galegas, integradas no FIP BLUES, con medidas voluntarias que inclúen a autolimitación das capturas e a evitación espacial e temporal da captura de agregacións de tiburóns reprodutores en certos caladoiros.
Así, instou á UE a que teña en conta nas súas propostas e deliberacións as consideracións socioeconómicas e avalíe o impacto nas flotas palangreiras da UE e as súas comunidades costeiras dependentes de medidas máis estritas relacionadas coa conservación.
Outras especies
O responsable autonómico trasladou a postura galega de manter ou mellorar o reparto asignado para o 2025 para o bonito do norte cuxa mellora de stock permitiu incrementar os totais admisibles de capturas (TAC) un 23% respecto ao 2023 ata alcanzar as 24.295,97 toneladas. Nesta mesma liña se posicionou con respecto aos túnidos, o patudo e atún vermello. Tamén reclamou que a Comisión traballe en estreita colaboración con outras CPC na adopción dun procedemento de xestión para o atún listado occidental.