A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou esta mañá a III Xornada da Automoción de Galicia
Lorenzana anuncia unha nova convocatoria do ‘Plan renova o teu vehículo’ da Xunta para incentivar a compra de vehículos eficientes
A conselleira destaca a boa acollida da última edición deste plan á que se acolleron preto de 1.400 particulares e empresas
Sinala que con esta medida “ganan os concesionarios, a administración, o medio ambiente e as familias e empresas porque teñen descontos importantes para os seus petos”
A titular de Economía e Industria apunta que se trata dun sector estratéxico para a economía e industria galegas e reclama unha vez máis ao Goberno central que execute as axudas dos Next Generatios e PERTE VEC destinadas ao sector
A Coruña, 16 de outubro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o Goberno galego abrirá unha nova convocatoria -a quinta- do Plan Renova o teu vehículo da Xunta para incentivar a compra de vehículos eficientes.
Lorenzana inaugurou a III Xornada da Automoción de Galicia onde subliñou a boa acollida da última convocatoria do Plan á que se acolleron un total de 1.368 particulares e empresas e que contou cun orzamento de 3,1M€. “É un orgullo que o que estamos a facer en Galicia funcione e se estea a copiar noutras comunidades autónomas”.
Neste sentido, a conselleira apuntou que se “trata de impulsar a electrificación incentivando a demanda nun momento de cambio no que é necesario activar medidas desde todos os elos da cadea de valor, desde o proceso produtivo ata a comercialización”.
A titular de Economía e Industria, explicou que o Plan Renova o teu vehículo do Goberno galego está financiado con fondos propios e naceu co obxectivo de renovar o parque móbil de Galicia; incentivar a demanda de vehículos de baixas emisións, eléctricos ou híbridos; e impulsar a competitividade da industria estratéxica da automoción fronte ao reto da electrificación. “Gañan todos, gana os concesionarios, gana a Administración, gana o medio ambiente e ganas as familias e as empresas porque ao final teñen a adquisición dun vehículo cuns descontos importantes para os seus petos”, subliñou.
A última convocatoria, que se pechou no mes de setembro, incluía a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 42.000 euros -cantidade que ascendía a 47.000 euros no caso de vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 quilómetros en modo eléctrico-. É un requisito imprescindible que o adquirinte titular do novo vehículo acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de polo menos 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas.
As axudas, oscilaban entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales a Xunta achega 2.000 e 3.000, respectivamente e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20% para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros.
“É un sector estratéxico para a nosa economía, para a nosa industria, e estratéxico tamén para liderar Europa e para que Europa lidere ese cambio no modelo produtivo da automoción”, dixo.
Máis apoios ao sector
Durante a súa intervención, María Jesús Lorenzana explicou que a este Plan para incentivar a compra de vehículos eficientes hai que engadir outros programas e medidas de apoio que a Xunta está a desenvolver para o sector.
Neste marco, destacou o Plan Moves III cun orzamento de 50M€ e que subvenciona a adquisición de vehículos eléctricos e infraestruturas de recarga. Ata o momento -o prazo da convocatoria remata a finais de ano xa se concederon máis de 37M€ en axudas. A isto súmanse a liña de axudas extraordinaria para as empresas de compoñentes por importe de 18M€ e outros 4M€ para o CTAG. “Isto é clave para seguir posicionándonos en Europa como unha rexión esencial na automoción”, dixo.
Por outra banda, Lorenzana tamén aludiu á elaboración do Plan director da automoción “que xa presentamos e que se aprobará inmediatamente” fundamental para o sector e que ten en conta as aportacións das organizacións empresariais, clústeres e dos sindicatos.
Finalmente, a conselleira reclamou unha vez máis ao Goberno de España que traballe cos PERTES doutro xeito, e subliñou que “temos fondos transformacionales dentro dos Next Generation que están aínda sen executar e dos PERTE VEC que deben chegar a todas as empresas que conforman a cadea de valor”.