O conselleiro do Mar pon en valor o distintivo `PescadeRías´ como elemento diferenciador no mercado dos produtos procedentes da frota artesanal
A Estrada (Pontevedra), 16 de outubro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este mércores na clausura da primeira das accións de PescadeRías ¿de onde se non? destinadas a consumidores nas prazas de abastos, e que teñen por obxectivo a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal, co fin de que estes sexan claramente diferenciados no mercado.
Este distintivo, creado polo departamento que dirixe Villares e co-financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, é unha garantía de frescura, calidade, respecto medioambiental e de aplicación de prácticas hixiénicas e de manipulación axeitadas por parte dos produtores.
Tal é así que esta marca certifica estes produtos frescos ou preparados, capturados como máximo 24 horas antes da primeira venda, con modalidades de pesca selectiva.
O novo mercado da Estrada acolleu así esta xornada, que incluíu obradoiros e demostracións para achegar ao público os beneficios do peixe fresco galego como piar dunha dieta equilibrada e saudable. Durante o seu desenvolvemento, os consumidores tamén son informados dos aspectos máis relevantes da súa comercialización, como poden ser a etiquetaxe, a trazabilidade ou a seguridade alimentaria.
Esta campaña que procura, ademais da posta en valor da marca e do produto, a dinamización das prazas de abastos como centro referente de calidade e frescura recalará nas vindeiras semanas en Ferrol, Lugo, Ourense e Marín.