A Xunta é galardoada pola súa labor de innovación e comunicación en materia de sustentabilidade mineira

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou hoxe na I edición do Premios Nacionais Minería e Vida 2024

Subliña a aposta da Xunta pola minería sustentable compatible co medio ambiente e o territorio

Sevilla, 16 de outubro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou hoxe na I edición dos Premios Nacionais Minería e Vida 2024 onde recolleu o galardón que recoñece a labor de innovación e comunicación da Xunta en materia de sustentabilidade mineira.

Estes premios da Fundación Minería e Vida -que agrupa ás principais organizacións do sector das materias primas minerais- recoñecen as mellores prácticas ambientais, sociais e económicas da industria das materias primas minerais.

En concreto, o premio recoñece á Administración galega na categoría de entidade destacada polo desenvolvemento da Plataforma Minería Sustentable de Galicia xunto coa Cámara Oficial Mineira e que ofrece unha visión da minería desde unha óptica de sustentabilidade.

O director xeral destacou a importancia da minaría sustentable e das materias primas como base fundamental no proceso de transición enerxética en Galicia e sinalou a aposta da Xunta por unha minaría sustentable compatible co medio ambiente e co territorio en liña coa Axenda de Impulso da Minería Sustentable de Galicia 2030 e da Lei de Recursos Naturais que se aprobará a vindeira semana no Parlamento.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2024