A Xunta pon o foco na sensibilización e concienciación das mulleres maiores ante a violencia de xénero
O director de Loita contra a Violencia de Xénero participou nas xornadas ‘As violencias machistas nas mulleres maiores, unha cuestión de dereitos’
Roberto Barba advertiu da importancia de concienciar na materia a todas as franxas de idade, sen deixar de lado aos maiores
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na inauguración das xornadas ‘As violencias machistas nas mulleres maiores, unha cuestión de dereitos’ que organiza a Universidade de Santiago de Compostela a través dun convenio coa consellería de Política Social e Igualdade. O obxectivo deste encontro é poñer o foco na sensibilización e concienciación das mulleres de idade avanzada ante a violencia de xénero.
Durante o acto, Roberto Barba advertiu da importancia de concienciar contra as violencias machistas en todos os ámbitos da sociedade e en todas as idades. Así, lembrou que as mulleres maiores son tamén vítimas desta lacra e, en moitos casos, non son conscientes disto.
Deste xeito, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero destacou a importancia de contar con recursos públicos de proximidade como os Centros de Información á Muller (CIM) que ademais de sensibilizar e prestar asesoramento, tamén axudan a detectar moitos casos que pasan inadvertidos.
Estas xornadas que se desenvolven durante os días de hoxe e mañá na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela van contar con intervención de expertos en psicoloxía, especialistas de atención sociosanitaria ou profesionais do dereito, entre outros. Ademais, para pechar o ciclo, poderase escoitar o testemuño de varias mulleres maiores contando a súa historia.