Belén do Campo destaca o investimento de máis 123.000€ na mellora de infraestruturas rurais de Irixoa
A delegada da Xunta avaliou co alcalde esas aportacións que servirán para a mellora de camiños de acceso a parcelas agrícolas
Na comarca de Betanzos recibirán axudas do Plan Marco 16 concellos por un importe de máis de 1M€
Irixoa ( A Coruña), 17 de outubro de 2024
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co alcalde de Irixoa, Antonio Deibe, visitaron hoxe esta localidade e salientou alí o investimento de máis de 123.000 euros para varias intervencións ao amparo do Plan Marco de Mellora de camiños rurais de acceso a parcelas agrícolas.
Belén do Campo explicou que o Plan Marco está dotado con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supón o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, están previstas actuacións cunha axuda de 61.400€ para a mellora do firme do viario da Lousada de Arriba. Un investimento que se une ao realizado o ano pasado de 61.600 euros que permitiu a renovación do firme do camiño de Campoade-Quintá.
A delegada da Xunta informou que na comarca da Betanzos recibirán estas axudas 16 concellos por un importe total de máis de 1 millón de euros. Estas axudas promoven a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas co fin último de aumentar a competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.
Durante o período 2016-2024 contou cunha dotación orzamentaria de máis de 130 millóns de euros, permitindo a mellora de máis de 5.450 camiños e máis de 4.280 quilómetros de vías rurais e a provincia da Coruña foi a que máis importe económico recibiu desta iniciativa na etapa mencionada, superando os 40 millóns de euros, e polo tanto, na que máis actuacións se produciron.
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”. O Plan Marco ten unha traxectoria que se remonta a 2013 e este ano, por primeira vez, compleméntase co Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración ou reestruturación parcelaria finalizadas, dotado con 6 millóns de euros.
En cada convocatoria do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas repártense entre os 313 concellos os fondos dispoñibles e corresponde a cada un deles a elección dos camiños sobre os que se considera preciso actuar, así como o proxecto de obra de ampliación, mellora ou mantemento. Ademais, estes están obrigados a contratar un servizo externo de control de calidade das obras executadas.