Villares destaca o traballo do Porto de Vigo para promover a inclusión e o benestar dos traballadores do mar
Vigo, 18 de outubro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, participou este venres na inauguración da Xornada Técnica sobre Comités de Benestar Portuario, organizada pola Autoridade Portuaria de Vigo, e que ten por obxectivo compartir información e casos de boas prácticas para acadar escenarios laborais seguros e produtivos, na liña das recomendacións da international Labour Organization (OIT) e da Organización Marítima Internacional (OMI).
A comezos de 2023, un total de 18 institucións de moi diversa índole asinaron o regulamento do Comité de Benestar do Porto vigués, o primeiro de Galicia en pór en marcha este instrumento. Trátase dun órgano que nace baixo o paraugas da estratexia de economía azul sostible que lidera a Autoridade dende o ano 2016, e que se basea en tres piares fundamentais: a sustentabilidade económica, a ambiental e a social. Esta entidade, na que están representados colectivos empresarias e sociais, ademais de institucións e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, supón o mellor sistema de participación para a detección de carencias e a procura de solucións dunha maneira colaborativa.
O Comité de Benestar da infraestrutura viguesa alzouse así como un referente en Galicia, a costa atlántica e cantábrica, converténdose nun modelo a seguir para outros portos a nivel internacional, grazas tamén á rede de Portos Azuis da FAO. Deste xeito, esta infraestrutura non só é un motor económico, senón tamén un punto de encontro multicultural que enriquece a vida da cidade e contribúe a un entorno inclusivo que atende á diversidade e á igualdade de oportunidades, así como á cohesión social e produtiva dos sectores e persoas vinculadas ao mar.