No centenario da Confraría de Carreira-Aguiño
Alfonso Villares resalta a contribución da confraría de Aguiño ao desenvolvemento da actividade pesqueira e marisqueira de Galicia
O responsable autonómico pon en valor o traballo do pósito en favor da xestión responsable dos recursos pesqueiros e marisqueiros así como a súa traxectoria na defensa dos intereses dos profesionais do mar da zona
A confraría, fundada en 1924, é a máis lonxeva do Barbanza e na actualidade integra a preto de 240 socios sendo referente na captura de especies como o percebe, a ameixa, a navalla e o ourizo
Ribeira (A Coruña), 19 de outubro de 2024
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, resaltou a contribución da confraría de Carreira-Aguiño ao desenvolvemento da actividade pesqueira e marisqueira de Galicia e axudando a facer de Ribeira o maior porto pesqueiro de baixura de Europa. Así o expuxo na clausura do seminario ‘As confrarías de pescadores como modelo para un ordenamento da pesca na Galicia do século XXI’ dentro as actividades organizadas con motivo do centenario da fundación do pósito ribeirense.
O responsable autonómico puxo en valor o traballo desenvolvido pola entidade ao longo destes 100 anos en favor da xestión responsable dos recursos pesqueiros e marisqueiros así como a súa traxectoria na defensa dos intereses dos profesionais do mar da zona. Acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que ofreceu un relatorio sobre ‘O papel das confrarías na actualidade: economía social e cogobernanza’, o responsable autonómico destacou o espírito asociacionista dos profesionais do mar como elemento esencial da estrutura pesqueira galega.
Así, manifestou que as confrarías son organizacións representan un modelo sen equivalencias en Europa na que as voces de armadores e mariñeiros se escoitan en igualdade de condicións. Tamén sinalou o importante papel que xogan estas entidades na conservación e divulgación da cultura marítima galega da que son portadoras de excepción. Nesta liña, puxo de exemplo o proxecto desenvolvido pola confraría de Carreira-Aguiño, co apoio da Xunta, co obxectivo de universalizar este patrimonio cultural, incrementar o coñecemento social, a súa valorización e conservación mediante a súa recompilación e dixitalización.
A confraría, fundada en 1924, é a máis lonxeva do Barbanza e na actualidade integra a preto de 240 socios sendo referente na captura de especies como o percebe, a ameixa a navalla e o ourizo. Na actualidade, só da primeira especie, se cotizan na lonxa de Aguiño preto de 50 toneladas, converténdoa nunha referencia rexional e nacional.
Homenaxe
Pola tarde, descubriuse unha placa conmemorativa en recoñecemento dos socios fundadores na porta da sede da confraría nas inmediacións do recinto portuario. Posteriormente, desde o pósito realizou unha homenaxe na Casa do Mar aguiñense aos seus seis socios máis lonxevos aos que se lles fixo entrega dun diploma en representación de todos os socios da entidade mariñeira.