Mar aborda coas confrarías a posible apertura do libre marisqueo na ría de Ares-Betanzos se o avalan as mostraxes previas que se van realizar
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro trasladou ao sector que calquera decisión estará condicionada á avaliación técnica do estado do recurso tras as últimas choivas
Santiago de Compostela, 25 de febreiro do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo esta mañá unha reunión con representantes das confrarías da ría de Ares-Betanzos para analizar a solicitude de apertura do libre marisqueo nesta zona, especialmente no ámbito de Sada, e avaliar de forma conxunta a situación actual do recurso.
Durante o encontro, a Consellería do Mar trasladou ao sector que, con carácter previo a calquera autorización, realizaranse mostraxes técnicas nos bancos marisqueiros co obxectivo de comprobar o estado do recurso e descartar posibles afeccións derivadas da elevada pluviosidade rexistrada nas últimas semanas. Estes traballos permitirán verificar a existencia de marisco en talla comercial e analizar a súa situación sanitaria.
A responsable autonómica explicou que as mostraxes se realizarán no marco do procedemento habitual, coa avaliación por parte do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) respecto á ausencia de biotoxinas, contaminación microbiolóxica e outros parámetros necesarios para autorizar a actividade extractiva.
Desde a Consellería indicouse que, se os resultados das mostraxes son favorables, estudarase a posibilidade dunha apertura limitada no tempo, sempre que o estado do recurso así o permita. En todo caso, esta decisión queda posposta ata dispoñer dos datos técnicos obxectivos.
No encontro participaron representantes das confrarías de Sada, Pontedeume, Ferrol e Barallobre. A Xunta reiterou a súa vontade de diálogo e colaboración co sector e avanzou que, unha vez que se dispoña dos resultados das mostraxes, convocarase unha nova reunión, previsiblemente a vindeira semana, para informar das conclusións e, no seu caso, organizar a apertura do libre marisqueo.