A Xunta reúnese con empresarios do ocio nocturno de Vigo para promover a implantación do protocolo contra as violencias sexuais e lgtbifóbicas
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero salienta a importancia de que exista un protocolo específico en Galicia que permita dar unha resposta áxil ante posibles agresións
Vigo, 22 de outubro de 2024
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortíz, reuniuse esta mañá con empresarios do ocio nocturno da cidade de Vigo. Con este encontro, dende a dirección xeral buscan que máis locais se sumen ao ‘Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGTBIfóbicas’ promovido pola Xunta de Galicia.
Este protocolo establece determinadas pautas e unha guía de actuación no caso de producirse unha agresión sexual ou un acto violento contra as persoas LGTBI mentres están no interior dos locais. Ademais, desde o mes de xuño, este protocolo está incluído no programa obrigatorio para obter o título de controlador de accesos en Galicia.
Neste senso, o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero fixo fincapé na importancia de seguir reforzando a loita contra calquera tipo de violencia para que o lecer nocturno sexa un espazo seguro de convivencia. Así mesmo, Roberto Barba salientou a importancia de contar cun protocolo unificado en Galicia que permita dar unha resposta áxil e coordinada ante calquera agresión.