A Consellería do Mar retoma este proxecto aproveitando os avances tecnolóxicos actuais

A Xunta e o CETGA retoman a investigación do cultivo en catividade do salmonete de rocha para ampliar o catálogo produtivo da piscicultura galega

As características biolóxicas desta especie autóctona, de escasas capturas, faina susceptible de ser cultivada en condicións similares ao rodaballo e o linguado, en cuxa produción Galicia é líder europeo, sen novas infraestruturas específicas

Villares destaca que o Goberno galego dá un salto cualitativo e cuantitativo para por en valor e reforzar a industria acuícola da comunidade; sector que conta con 2.600 empresas e máis de 5.600 traballadores

Ribeira (A Coruña), 22 de outubro de 2024

A Consellería do Mar e o Centro Tecnolóxico do Clúster de Acuicultura (CETGA) están a desenvolver un investigación do cultivo en catividade do salmonete de rocha co obxectivo de sentar as bases para ampliar o catálogo produtivo da piscicultura galega. Esta colaboración conxunta, segundo explicou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, contribúe á diversificación das especies piscícolas mariñas mediante o peche do ciclo económico do cultivo desta especie, avaliando a posibilidade de cultivala de xeito individual ou conxunta co rodaballo ou co linguado senegalés, nas que Galicia é líder a nivel europeo.

O responsable autonómico puido coñecer de primeira man os avances nos traballos dsta iniciativa na que están a traballar recursos persoais e técnicos tanto do Cetga como do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar. O proxecto procura dispoñer dos coñecementos tecnolóxicos e de manexo necesarios para desenvolver o cultivo integral en catividade (engorde, reprodución, incubación e cultivo larvario) desta especie. Ademais, prevé o estudo do seu comportamento, estabulado en tanques propios ou en combinación con peixes planos.

O titular de Mar explicou que os traballos abordan o analise da eficacia de diferentes sistemas de enriquecemento ambiental na súa adaptabilidade á catividade, o ensaio diferentes protocolos de alimentación larvaria (rotíferos, artemia, copépodos) e o coñecemento da dieta máis axeitada para optimizar a cantidade e a calidade das larvas así como o análise bioquímico de exemplares salvaxes, cultivados, ovos e larvas do salmonete. Tamén está previsto o estudo sanitario dos exemplares capturados, detectando posibles patoloxías.

O conselleiro do Mar resaltou que interese na introdución do cultivo do salmonete de rocha responde ás características biolóxicas desta especie que a converten nunha boa candidata xa que se trata dunha especie autóctona de escasas capturas e moi prezada polo consumidor que é susceptible de ser criado en tanques de fondo plano similares aos que se utilizan no cultivo do rodaballo ou do linguado. Deste xeito, poderíase producir sen a necesidade de construír novas infraestruturas específicas, podéndose utilizar as mesmas nas que se crían peixes planos en Galicia.

Sector estratéxico para Galicia

Esta iniciativa se desenvolve no marco dun convenio de carácter plurianual que contempla o financiamento ata 2027. Villares destacou a aposta do Goberno galego que, con este acordo co CETGA, dá un salto cualitativo e cuantitativo importante para por en valor e reforzar a industria acuícola en Galicia. Así, cualificou a este sector de estratéxico para a economía galega, pois conta con 2.600 empresas e máis de 5.600 traballadores. No 2022 as empresas vencelladas a esta modalidade lograron a maior porcentaxe de facturación dos últimos 14 anos que alcanzou os 256 millóns de euros.

Referente internacional

O CETGA sitúase como un referente internacional en acuicultura de peixes planos. Galicia produce o 95% destas especies en España e o 85% de Europa, de tal xeito que a industria piscícola galega exporta máis do 65% da súa produción aos mercados internacionais. Entre os seus obxectivos, destaca a mellora da competitividade das empresas do sector, promovendo e impulsando a interacción dos distintos axentes, co fin de dinamizar e fomentar as relacións entre eles.

Estratexia de especialización

Esta acción está enmarcada na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 que define as políticas de investigación e innovación da comunidade. Entre os seus obxectivos está o desenvolvemento dun modelo de xestión baseado na modernización dos sectores tradicionais galegos mediante a introdución de melloras na eficiencia e rendemento no uso dos recursos. Así, este proxecto vai en liña coas prioridades recollidas neste documento entre as cales está o acadar un ecosistema científico máis aberto e integrado.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 22/10/2024