A Xunta inviste preto de 440.000 euros na formación de mozos desempregados de Ferrolterra a través do obradoiro de garantía xuvenil ‘Inicia VIII’
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, deu a benvida aos alumnos que desenvolverán a súa formación na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial
Trátase dunha iniciativa posta en marcha conxuntamente polos concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos
Fene (A Coruña), 23 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou esta mañá na nave de San Marcos aos alumnos do obradoiro de Garantía Xuvenil Inicia VIII, un programa para mozas e mozos en situación de desemprego, incluído no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil que a Xunta financia con 438.603 euros.
Un total de 11 alumnos e alumnas, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, iniciaron estes días a formación neste programa promovido polos concellos de Fene, Ares, Cabanas e Mugardos.
O obradoiro impártese na modalidade de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial e os participantes completarán a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local a desenvolver nos municipios participantes, como a instalación de tubos para conformar varandas en Ares; a confección dunha base modular para escenario no concello de Cabanas ou a execución de recintos para colectores de recollida de lixo en Mugardos.
Durante a visita, a delegada territorial puxo en valor a formación para o emprego como un dos piares das políticas de emprego da Xunta de Galicia e remarcou a necesidade de mellorar a empregabilidade dos participantes a través de programas como este que axuntan a formación teórica coa realización dun traballo efectivo durante os 12 meses que dura o curso.
Destacou ademais que se trata de iniciativas “orientadas a cubrir as demandas reais do entorno, neste caso máis vinculado ao sector industrial, o que permite unha integración laboral máis alta”, asegurou.