O porto de Vilanova de Arousa contará con nova iluminación led grazas ao investimento da Xunta de 300.000 euros
O delegado territorial recibiu ao alcalde e tenente de alcalde de Vilanova de Arousa e informou de que os traballos de substitucións das luminarias comezarán nos próximos meses
Trátase dunha partida de 3 millóns de euros que permitirá instalar máis de 2.500 luminarias LED de control telemático en 26 portos de toda Galicia
Pontevedra, 23 de outubro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, recibiu esta mañá ao alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, e ao tenente de alcalde, Javier Tourís, no edificio administrativo da Xunta en Pontevedra.
O delegado aproveitou a reunión para lembrar que o inicio das actuacións de mellora do alumeado público no porto de Vilanova de Arousa está máis preto. Reguera referiuse ao proxecto de Portos de Galicia, que nos próximos meses instalará ata 2.500 luminarias LED de control telemático en 26 portos de toda Galicia. Unha acción que conta con 3 millóns de euros de orzamento, dos cales 300.000 euros irán destinados á actuación de Vilanova de Arousa.
O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de accións que melloran a eficiencia enerxética dos portos, permitindo un aforro de ata o 60 %, ademais de potenciar a iluminación destes espazos tan importantes para o desenvolvemento económico de concellos mariñeiros como Vilanova.
Pola súa banda, o alcalde puxo en valor unha actuación que considera “moi importante” para o concello e lembrou que o equipo municipal “puxo todo da súa parte para que esta actuación fose unha realidade”.
Reguera rematou lembrando a importancia de apostar pola colaboración entre institucións públicas, unha colaboración que tamén está a permitir ultimar os trámites necesarios para a obra de mellora do Camiño Francés nos accesos da carretera de Baión.