Galicia presente na nova edición do Salón Internacional da Alimentación (SIAL) de París

A Xunta expón a calidade e sabor dos produtos pesqueiros galegos no principal evento alimentario do mundo para reforzar a súa presenza nos mercados internacionais

A Consellería do Mar conta cun espazo institucional propio máis amplo e conta coa participación de 17 empresas coexpositoras da cadea mar-industria galega, catro máis que na última edición 

No evento, que tivo lugar do 19 ao 23 de outubro, conta con máis de 7.500 expositores de 130 países que recibe máis de 265.000 visitantes profesionais de máis de 200 paises

París, 24 de outubro de 2024

A Xunta continúa impulsando a internacionalización das empresas da cadea mar-industria da comunidade promovendo a súa presenza nas principais feiras internacionais co obxectivo de facilitar o contacto das empresas galegas con potenciais clientes así como potenciar a chegada dos produtos pesqueiros galegos a novos mercados. Deste xeito, a Consellería do Mar contou cun espazo institucional propio na nova edición do Salón Internacional da Alimentación (SIAL) de París.

O Goberno galego asiste cun stand, ampliado respecto á última edición, no que 17 empresas do sector, especialmente conserveiras, e á organización Anfaco-Cecopesca, participan como coexpositoras. Ademais, outra compañía acode na modalidade de centro de negocios. Así, Galicia dispón dun escaparate propio e singular no que amosar a calidade e sabor dos produtos alimentarios mariños elaborados na comunidade a potenciais clientes.

O evento, de carácter bienal, desenvolveuse desde o 19 ao 23 de outubro con máis de 7.500 expositores de 130 países con máis de 400.000 produtos en exposición que atrae a máis de 265.000 visitantes profesionais procedentes de máis de 200 países. Cifras que sinalan a cita francesa como o principal evento alimentario do mundo. 

Na última edición do 2022 o 83% dos compradores realizaron transaccións no lugar ou despois da súa celebración. Ademais, os expositores reportan máis de 6 meses de facturación adicional tras a súa participación na feira e respecto aos contactos realizados, 8 de cada 10 declara que son de calidade.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 24/10/2024