A Xunta colabora coa Universidade de Santiago de Compostela na organización das xornadas sobre violencia sexual e consentimento

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou na sesión inaugural do encontro de traballo interdisciplinar para analizar medidas de prevención no ámbito universitario

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2024

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na inauguración das xornadas de traballo interdisciplinar do proxecto Percepción sobre a violencia sexual e o consentimento sexual. Análise de riscos e implicacións para a prevención no ámbito universitario que organiza a Universidade de Santiago de Compostela.

Durante este encontro, diferentes expertos de varios ámbitos analizaron, debateron e consensuaron diferentes medidas de prevención das violencias sexuais. O proxecto naceu da colaboración entre a USC e a Xunta de Galicia para incrementar o coñecemento neste  eido e promover pautas de mellora no trato e atención ás vítimas.

Neste senso, os investigadores e expertos destacaron a importancia de adecuar as medidas de prevención a cada ámbito social, especialmente coa poboación moza e universitaria. Así, recalcaron a importancia de prestar especial atención a estes casos ao producirse, xeralmente, en ambientes festivos de celebración e baixo o consumo de alcohol.

Pola súa parte, Roberto Barba lembrou que coa normativa galega calquera muller que sufra violencia sexual é considerada vítima de violencia de xénero. Deste xeito, o director xeral recalcou que serán beneficiadas de todas as prestacións económicas, asistenciais e psicolóxicas, entre outras, que garante o Executivo galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2024