A Xunta de Galicia consigna 2,1 M€ nos orzamentos de 2025 para culminar as obras de ampliación e reforma no CPI As Mirandas de Ares

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde, Julio Iglesias, visitou esta mañá o centro onde a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a acometer obras por valor de máis de 3M€

Ares (A Coruña), 24 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Ares, Julio Iglesias, e do director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitou esta mañá o CPI As Mirandas, en Ares, onde deu conta do estado de execución das obras de ampliación e reforma que o departamento autonómico está a executar no centro cun investimento superior aos 3 M€, dos que 2,1 están consignados nos Orzamentos 2025.

O proxecto inclúe a construción dunha nova edificación que acollerá as seis aulas de infantil –ata o momento distribuídas en diferentes espazos– e a de psicomotricidade, cunha superficie total de 850m². Este novo volume estará conectado co andar baixo do edificio existente.

O programa de necesidades inclúe ademais a reforma do inmoble xa existente, que é onde se centran ata o momento os traballos, tanto no que atinxe á eficiencia enerxética como na reordenación de espazos. Así procedeuse á substitución da cuberta e das ventás e actualmente están en execución as obras de mellora da envolvente térmica das fachadas.

Ademais, situaranse no andar baixo do edificio (agora ocupado por aulas de Infantil) os espazos administrativos, a aula de usos múltiples e a biblioteca, aproveitando para ampliar este último espazo. O resto do volume continuará acollendo as aulas de Primaria e ESO.

Martina Aneiros lembrou que esta é unha das actuacións en materia educativa consignadas nos Orzamentos de 2025 na área territorial nos que tamén están comprometidos 2 M€ para levar a cabo a rehabilitación integral e ampliación do CIFP Leixa e outros 500.000 euros para un convenio co Concello de Ferrol para a mellora de colexios de Infantil e Primaria.

O proxecto de ampliación e  reforma do CPI As Mirandas está incluído no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros educativos públicos galegos para facelos máis confortables, accesibles e axeitados ás novas políticas educativas que se están a poñer en marcha.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2024