A Xunta lamenta profundamente o pasamento de Pablo Hinojar, adestrador de ximnasia do CGTD e “unha das figuras máis importantes do noso deporte”
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou que Pablo Hinojar será condecorado coa distinción ao mérito deportivo da Xunta de Galicia, a título póstumo
Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia lamenta profundamente o pasamento de Pablo Hinojar, adestrador de ximnasia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e “unha das figuras máis importantes do noso deporte”. Nestes termos expresouse o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, tras coñecer a triste nova e que deixa o deporte galego “orfo dun dos seus mellores técnicos”. Do mesmo xeito, o conselleiro enviou unha mensaxe de ánimo e apoio á familia e achegados de Pablo Hinojar, así como a toda a ximnasia galega que “hoxe está de loito”.
Pablo Hinojar era o adestrador principal do CGTD de ximnasia deportiva dende que esta disciplina se adscribiu ao centro en 2016, ademais, compaxinaba este desempeño co seu papel de seleccionador nacional de dobre mini-tramp, tumbling e ximnasia acrobática durante os últimos anos acadando espectaculares resultados. Cómpre salientar, ademais, o gran traballo de Pablo Hinojar na xestación dun dos maiores fenómenos do deporte galego como é o caso da carreira de Melania Rodríguez, vixente campioa europea e mundial de dobre mini-tramp.
O conselleiro anunciou que Pablo Hinojar será condecorado coa distinción ao mérito deportivo da Xunta de Galicia, a título póstumo.