A Xunta avanza a presenza que vai ter o sector dos áridos no Consello da Minería de Galicia

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou hoxe na IX Xornada técnica de responsabilidade social empresarial no eido da seguridade e saúde laboral no sector dos áridos

O futuro Consello da Minería de Galicia é unha figura recollida na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos para o vindeiro ano

Salienta que a Lei de Recursos Naturais vela por que as explotacións de áridos sigan asegurando a xeración de beneficios nos concellos: xerando emprego de calidade, fixando poboación, e promovendo unha extracción sustentable

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, avanzou hoxe que o futuro Consello da Minería de Galicia, unha figura recollida na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos para o vindeiro ano, vai integrar, entre outros, o sector dos áridos.

Na súa intervención na IX Xornada técnica de responsabilidade social empresarial no eido da seguridade e saúde laboral no sector dos áridos, Fernández Vila adiantou que tamén se van constituír grupos de traballo de diversa índole, entre os que destaca o de seguridade e saúde no sector, un dos eixos da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030.

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas aludiu á aprobación a pasada semana da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que fagan uso dos recursos naturais de Galicia. Unha lei, dixo, que pretende garantir a riqueza social e económica para os territorios onde se implanten proxectos como poden ser os mineiros. Nese sentido, destacou que o texto vela por que as explotacións de áridos sigan asegurando a xeración de beneficios nos concellos: xerando emprego de calidade, fixando poboación, e promovendo unha extracción sustentable.

Fernández Vila salientou o compromiso da Xunta con este sector e apuntou que os orzamentos para o ano 2025 recollen unha liña de axudas específica para o fomento da sustentabilidade na actividade industrial ligada aos recursos naturais en Galicia.

Data de actualización: 29/10/2024