O conselleiro de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, participa na presentación das novas infraestruturas do centro tecnolóxico

A Xunta apoia a AIMEN con 3,2 M€ na construción dun novo edificio pioneiro en fabricación avanzada e sustentable

Acollerá dúas liñas piloto de investigación singulares centradas na fabricación de alta cadencia e en compoñentes de gran tamaño

A actuación, que estará lista en setembro de 2026, servirá de polo de atracción de talento e axudará a posicionar ao centro tecnolóxico como referente internacional

Este programa está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027

O Porriño (Pontevedra), 29 de outubro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación das novas infraestruturas da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) nas que a Xunta de Galicia inviste 3,2M€. Esta actuación, que ten un orzamento total de 6,4M€, servirá como “polo de atracción de talento para todo o ecosistema de innovación de Galicia”, sinalou Román Rodríguez.

Este centro do Porriño construirá un novo edificio, denominado Smart & Sustainable Manufacturing Centre, que albergará dúas liñas piloto de investigación singulares a nivel europeo, dedicadas ao desenvolvemento, testeo e validación de tecnoloxías de fabricación avanzada e sustentable, pioneiras en Europa. “Este proxecto consolidará tamén a AIMEN como centro de referencia internacional”, engadiu o titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

As novas infraestruturas de fabricación intelixente, como explicou o director xeral de AIMEN, Jesús Lago, contarán cunha superficie total de 2.372 metros cadrados e estímase que a obra estea lista en setembro de 2026. Unha das áreas de investigación centrarase en situacións de fabricación de alta cadencia para sectores como automoción, electrónica ou compoñentes de madeira para mobiliario. O outro dos espazos estará pensando para a produción de compoñentes de gran tamaño vinculados a sectores como a aeronáutica, a enerxía ou o naval. O obxectivo é potenciar a innovación aberta, mellorando as capacidades de captación e retención de talento, o posicionamento internacional e afianzar colaboracións estratéxicas co resto do ecosistema galego de innovación.

O representante do Goberno galego puxo en valor o traballo que desempeña AIMEN e destacou a importancia deste proxecto “para impulsar a competitividade e o talento en Galicia”. Neste sentido, afirmou que estas novas infraestruturas “non só mellorarán a situación de AIMEN, senón que tamén terán un impacto positivo na sociedade galega”. Estímase que, cada ano, uns 500 investigadores e tecnólogos visiten ou traballen nestas instalacións.

Ademais, Román Rodríguez aproveitou para comprometer o apoio do Goberno galego non só aos centros tecnolóxicos, senón a todo o ecosistema do I+D+i. De feito, a Xunta incrementa en 78 millóns de euros os seus orzamentos para 2025 en I+D+i, chegando a 372 millóns, “un crecemento superior á media dos orzamentos da Xunta que demostra o noso compromiso co fomento destes campos”, remarcou o conselleiro. O obxectivo deste incremento no orzamento é buscar novas solucións para mellorar o benestar e calidade de vida da cidadanía e xerar coñecemento aplicable ao desenvolvemento económico e social.

Novas infraestruturas para o futuro galego

No acto de presentación, o titular de Ciencia tamén aproveitou para recordar o compromiso do Goberno galego co tecido de I+D+i e fixo fincapé na achega que se fai a este centro tecnolóxico do Porriño para contribuír a converter a Galicia nun referente a nivel europeo e internacional. Este investimento enmárcase na convocatoria de axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos, mediante o apoio á creación e mellora de infraestruturas de investigación e de ensaio e experimentación. Este ano, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP achega preto de 8M€ a catro centros tecnolóxicos para que melloren as súas infraestruturas.

Concretamente, ademais dos 3,2M€ que recibe AIMEN, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) conta cunha achega de 4M€ para un edificio centrado no futuro da automoción; o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant) recibe 263.000 euros para a adquisición e posta en marcha dunha infraestrutura de investigación e computación a baixa escala, e o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM) mellorará a súa excelencia científica no eido da economía circular con 442.000 euros.

Este programa está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2024