A Xunta pon de relevo as accións que se levan a cabo no Centro de Formación e Emprego de Ames en beneficio das oportunidades laborais dos veciños da contorna

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou hoxe este centro, onde se desenvolven diversas iniciativas apoiadas pola Xunta como un obradoiro de emprego dual e un Programa Integrado de Emprego (PIE)

Precisamente onte publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o incremento ata os case 12 millóns de euros das axudas deste ano destinadas á realización dos PIE en entidades sen ánimo de lucro e concellos

Ames (A Coruña), 30 de outubro de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, visitou hoxe o Centro de Formación e Emprego de Ames, onde se desenvolven diversas iniciativas apoiadas pola Xunta como un obradoiro de emprego dual e un Programa Integrado de Emprego (PIE). 

Así, na visita destacouse o obradoiro Renova II no que participan os concellos de Ames e Brión, que recibiu unha axuda de máis de 422.000 euros este ano en beneficio dunha vintena de participantes, que recibirán formación durante nove meses ao tempo que desempeñan un traballo remunerado arredor da montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas. No marco da primeira edición da iniciativa, actuaron na instalación fotovoltaica da estación depuradora de Sisalde, situada en Ames, unha mostra de que este tipo de obradoiros inciden directamente nas infraestruturas da contorna.

No acto, tamén se puxo de relevo o cento de persoas participantes no Programa Integrado de Emprego do concello amesán, un día despois de que se publicase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o incremento ata os case 12 millóns de euros das axudas deste ano destinadas á realización destes programas en entidades sen ánimo de lucro e municipios, co gallo de mellorar as oportunidades laborais dos desempregados. Así, estas persoas reciben formación para acadar un traballo e teñen a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido das accións formativas e co fin de incrementar a súa inserción laboral. 

Coa previsión de beneficiar unhas 5.800 persoas en toda Galicia, na convocatoria deste 2024 dos PIE o Goberno galego prima, entre outros, os proxectos innovadores en relación co perfil dos colectivos aos que se dirixan e os que se caractericen pola utilización de novas tecnoloxías ou pola existencia de medidas de conciliación da vida familiar e laboral. Tamén se valorará a relación do proxecto co tecido empresarial do territorio onde se levará a cabo o programa co fin de mellorar a ocupación da cidadanía galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/10/2024