A Xunta aposta en Lugo pola atracción de talento retornado e de terceiros países para cubrir as vacantes laborais existentes na provincia

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, debullou hoxe na xornada ‘Sumando talento ás empresas lucenses: programas de contratación e captación internacional’ programas vixentes como o Retorna Cualifica Emprego

Lugo, 14 de outubro de 2026

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta tarde en Lugo na xornada Sumando talento ás empresas lucenses: programas de contratación e captación internacional. Alí, referiuse a programas autonómicos vixentes como o Retorna Cualifica Emprego co gallo de captar persoas traballadoras do exterior e dar resposta ás vacantes laborais existentes.

En concreto, a iniciativa ofrece ás persoas galegas que emigraron ou aos seus descendentes que sexan menores de 55 anos a posibilidade de volver a Galicia con traballos ofertados en orixe da man das empresas, que poderán ofertar as súas vacantes no portal do programa. As persoas seleccionadas recibirán tanto a formación necesaria para a cualificación profesional precisa no posto de traballo que van ocupar, como apoios para facilitar a súa instalación en Galicia.

A directora xeral tamén se referiu á iniciativa concibida para acelerar a integración laboral das persoas acollidas na Comunidade ao proceso de regularización extraordinario impulsado polo Goberno central. Inclúe a sinatura de convenios de colaboración con entidades sen ánimo de lucro —incluída, entre outras, Cáritas Diocesana de Lugo—, que porán o seu coñecemento e medios para acelerar na medida do posible a incorporación efectiva ao mercado laboral das persoas regularizadas.

 

Data de actualización: 14/10/2026