Marta Vázquez Guzmán toma posesión como nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presidiu o acto celebrado hoxe no edificio administrativo da Xunta en San Caetano
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presidiu hoxe a toma de posesión de Marta Vázquez Guzmán como nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social. Deste xeito, ocupa o cargo que deixa na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración Marta Mariño Regueiro, que cesa a petición propia.
Nada en Ourense en 1975, Marta Vázquez Guzmán é licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo, institución académica na que obtivo tamén os diplomas de Estudos Avanzados en Dereito da Libre Circulación e Traballo Autónomo; e de Estudos Avanzados en Innovación e Calidade en Ámbitos Educativos. A maiores é especialista universitaria en Relacións Laborais (pola Universidade de Santiago de Compostela), en Formación Ocupacional (pola Universidade de Vigo) e en Resolución de Conflitos Escolares (tamén pola Universidade de Vigo).
A nova directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social tamén é técnica superior en Prevención de Riscos Laborais nas especialidades de Seguridade no Traballo, Hixiene Industrial, Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada; auditora en Prevención de Riscos Laborais e directora de Actividades de Tempo Libre.
A súa traxectoria profesional está vinculada coa Xunta de Galicia desde o ano 1999. Como funcionaria de carreira do corpo de Catedráticos de Ensino Secundario da especialidade de Formación e Orientación Laboral desempeñou distintas responsabilidades entre as que están a de directora do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros; as de directora e coordinadora de Emprendemento do CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel; e a de vicedirectora e xefa do departamento de Formación e Orientación Laboral do IES A Carballeira. Desde xuño de 2024 ocupaba o cargo de directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da provincia de Ourense.