A Xunta aposta pola formación á carta e a retención de talento como dous eixos chave para potenciar a competitividade do tecido produtivo galego
Sobre os traballadores que están hoxe en Galicia, José González insistiu na importancia das microformacións e na nova Estratexia de Mocidade Activa, ademais do programa de arraigamento para a inserción de inmigrantes en situación irregular
Como vertente complementaria, destacou as medidas dirixidas a atraer o talento de galegos retornados ou traballadores de terceiros países, e que permiten no seu conxunto abordar o problema das vacantes e favorecer a produtividade empresarial
O titular de Emprego tamén se referiu á aposta por potenciar o comercio local a través do Plan estratéxico do comercio 2025-2030, que estará listo no primeiro trimestre do ano próximo e que contará con medidas como un piloto de dinamización para as vilas
A Coruña, 30 de outubro de 2024
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na sesión plenaria da Cámara de Comercio da Coruña, onde puxo de relevo o papel da entidade como interlocutora da Xunta, tendo en conta as arredor de 46.000 empresas e autónomos de 39 concellos que representa.
Insistindo na necesidade de acadar consensos entre todos os axentes do tecido socioeconómico -entre eles, destacou o papel das cámaras de comercio-, e no marco do Diálogo Social, José González remarcou a importancia de abordar retos como a sinistralidade laboral, o absentismo, a duración da xornada ou a cobertura das vacantes.
No referido a este último desafío, o conselleiro comezou lembrando as diferentes iniciativas implementadas polo Goberno galego dentro do ámbito da comunidade. Iniciativas como a modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia e a definición das listas de demandantes, ademais da nova Estratexia Mocidade Activa, dotada dende a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 20 millóns en 2025 co obxectivo de reter o talento mozo na nosa comunidade.
Tamén en relación con favorecer a empregabilidade dos galegos e galegas, e xa no ámbito da formación, avogou pola flexibilización e axuste ás demandas do tecido produtivo, principalmente con experiencias de aprendizaxe de curta duración que garantan a reciclaxe e actualización profesional de cara á consecución dos perfís máis requiridos. Unha vía formativa que -dixo- se vén reivindicando en numerosas ocasións ante o Goberno central, tamén para facilitar a integración sociolaboral dos migrantes que buscan novas oportunidades na nosa terra, ao tempo que se urxe máis axilidade nos trámites de estranxeiría ou na homologación de títulos formativos.
Plan de captación de talento
En paralelo ao esforzo realizado dentro de Galicia, e como eixos complementarios, o titular de Emprego tamén apelou á aposta da Xunta por captar talento de fóra da comunidade. Sempre da man das empresas, e cunha batería de medidas dotadas con máis de 11 millóns de euros, González debullou diferentes iniciativas que se desenvolverán nos vindeiros meses a prol de avanzar na atracción de galegos da diáspora e procedentes de terceiros países, a través de accións en orixe e buscando a mellor integración no territorio.
Aposta polo comercio local
Ao abeiro do obxectivo por acadar un mercado laboral dinámico, inclusivo, que favoreza o emprego de calidade e maximice o talento, o conselleiro aludiu tamén ao Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que se presentará no primeiro trimestre do ano que vén, e no marco do que se lanzarán iniciativas como o Bono Comercio -que comezará unha nova edición este mesmo luns-, ou se convocarán case 7 millóns de euros para diferentes actores do tecido comercial, como son os mercados e prazas de abastos que se perseguen integrar na rede galega de Mercados Excelentes.