Galicia pechou a tempada estival con 4.500 profesionais inscritos no rexistro de socorristas acuáticos de Galicia

Supón un incremento do 13% con respecto ao anterior, grazas á ampliación das vías de acceso por parte da Xunta en consenso coas entidades implicadas 

O Goberno galego regula a formación que deben reunir estes profesionais, ademais de apoiar a súa contratación durante o verán con axudas específicas

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2024

Galicia pechou a tempada de verán con 4.485 profesionais inscritos no Rexistro profesional de socorristas acuáticos de Galicia creado pola Xunta. A cifra reflicte un incremento do 13% con respecto a finais de 2023, cando figuraban 3.959 persoas rexistradas. Do total, a meirande parte son socorristas en instalacións acuáticas, con 2.309, seguidos de socorristas en espazos acuáticos naturais, con 873, e de socorristas en instalacións acuáticas e espazos acuáticos naturais, con 804.

Para o Goberno galego, o incremento de profesionais do socorrismo en Galicia demostra o impacto positivo do cambio de normativa realizado en 2023, fundamentalmente a través da nova vía de acceso que supuxo a realización dun curso de 240 horas e da apertura do desenvolvemento desta formación a entidades privadas.

Así, neste ano rexistrouse un aumento de case o 40% nos profesionais formados nestas entidades, con 300 persoas fronte ás 219 de 2023. Pola súa banda, a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) reforzou tamén a súa oferta formativa neste eido, con 12 cursos en 2024 fronte aos 9 do ano anterior. A cifra de persoas aptas este ano foi de 248, 14 máis que en 2023.   

Aínda que a contratación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos é unha competencia municipal, o Goberno galego apoia a súa contratación e encárgase de regular a formación que deben reunir para prestar un servizo seguro e de calidade, así como para poder estar inscritos no Rexistro profesional de socorristas de Galicia.

Nesta liña, en 2021 aprobouse un decreto -en consenso coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Cruz Vermella e outras entidades- que ampliou e flexibilizou as vías de acceso para traballar como socorristas e en 2023 aprobáronse novas modificacións -tamén consensuadas coa Fegamp  e  as asociacións e colectivos que traballan neste ámbito- para incrementar aínda máis as vías de acceso e as entidades capacitadas para a formación. 

En canto á contratación, o pasado verán lanzouse unha liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros e que beneficiou 185 concellos, un 20% máis que no ano anterior. A través desta convocatoria subvencionáronse os custos salariais no período entre o 1 de xuño e o 30 de setembro para a contratación de persoal dedicado á prestación de servizos de vixilancia, rescate e salvamento en instalación acuáticas descubertas de titularidade municipal ou espazos acuáticos naturais situados no ámbito territorial do municipio.

Desde que en 2017 está activa a convocatoria, a Xunta destinou un orzamento de case 11,5 millóns de euros para facilitarlles ás administracións locais a cobertura deste servizo de competencia municipal.

Data de actualización: 03/11/2024