Belén do Campo participa no almorzo institucional no buque da Mariña Militar Italiana Etna

O navío permanecerá atracado no porto da Coruña ata o vindeiro 4 de agosto dentro do seu cruceiro de instrución con alumnado da Escola Naval Militar de Livorno

A Coruña, 3 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao Vice Cónsul Honorario de España, Franceso Milani, participou esta mañá no almorzo institucional organizado con motivo da escala no porto da Coruña do buque de aprovisionamento en combate Etna, pertencente á Mariña Militar Italiana.

A representante do Goberno galego coñeceu as instalacións do navío xunto co comandante, Alessandro De Lucia, e co resto das autoridades asistentes, comprobando de primeira man as capacidades operativas deste buque de apoio loxístico e o labor que desenvolve durante o actual cruceiro de instrución.

A delegada puxo en valor este tipo de visitas, que contribúen a fortalecer os lazos de colaboración e amizade entre Galicia e Italia, ademais de proxectar a imaxe da Coruña como porto de referencia para a navegación internacional e para a acollida de buques de distintas armadas.

O Etna permanecerá atracado no peirao Centenario Oeste ata o 4 de agosto. A bordo viaxan 172 militares e 132 alumnos de segundo curso da Escola Naval Militar de Livorno, que participan nunha travesía formativa iniciada o pasado 18 de xullo e que inclúe escalas en Marrocos, España, Francia, Irlanda, Reino Unido e Portugal antes do seu regreso a Livorno, previsto para mediados de setembro.

O buque está deseñado para desempeñar misións de apoio loxístico, aprovisionamento no mar e mando e control, constituíndo unha das principais plataformas da Mariña Militar Italiana para este tipo de operacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2026