A Xunta e o Concello de Lalín daranlle un impulso prioritario á cuarta fase do polígono industrial
O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, e o alcalde lalinense, José Crespo, mantiveron un encontro no que se abordou a próxima aprobación definitiva do expediente de expropiación deste parque empresarial
A previsión é que a licitación para as obras arranque a mediados de 2025
Alcanzáronse tamén acordos no eido das infraestruturas, a vivenda e a mobilidade
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Lalín, José Crespo, que permitiu reforzar a colaboración entre ambas institucións co obxectivo de seguir impulsando a economía e o benestar no municipio pontevedrés.
Na xuntanza sinalouse o impulso prioritario á cuarta fase do polígono, coa próxima aprobación definitiva do expediente de expropiación. A previsión é que a licitación para as obras arranque a mediados de 2025.
Tamén se alcanzaron diferentes acordos no eido das infraestruturas, a vivenda e a mobilidade, entre outros asuntos. Así, outro dos puntos que se tratou na reunión foi a posta en marcha o próximo ano da construción da base de helicópteros.
Acordouse así mesmo que o Concello cederá unha parcela municipal na que se desenvolverá vivenda de promoción pública, así como a cesión dunha nave da Xunta no polígono de Botos en favor do Concello. Do mesmo xeito, construirase unha pasarela peonil sobre a estrada N-525 para facilitar o tránsito de peóns e peregrinos.