A Xunta destaca a importancia da coordinación entre administracións e axentes sociais na loita contra a violencia de xénero

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero destacou a importancia da colaboración entre as administracións públicas e os axentes sociais para erradicar as violencias machistas

Celanova (Ourense), 7 de novembro de 2024

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou na mesa institucional sobre violencia de xénero que organiza a Mancomunidade Terra de Celanova. Este acto pretende crear un espazo aberto de diálogo entre as diferentes administracións e axentes sociais para enfocar diferentes accións de loita e prevención das condutas machistas.

Durante o encontro, o director xeral destacou a importancia de manter unha constante coordinación entre as administracións públicas para a erradicación da violencia de xénero. Polo que fixo fincapé na importancia de traballar tanto na prevención e sensibilización como na atención e seguimento dos casos.

Ademais, Roberto Barba lembrou que coa normativa galega vixente calquera muller que sufra violencia sexual é considerada unha vítima de violencia de xénero. Deste xeito, recalcou que serán beneficiadas de todas as prestacións económicas, asistenciais e psicolóxicas, entre outras, que garante o Executivo galego.

Data de actualización: 07/11/2024