A Xunta destaca que as medidas implantadas en Galicia en materia de conciliación son un referente na atención e coidados dos nenos e nenas

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica participou no VI Encontro pola corresponsabilidade 

Jacobo Rey destacou que as medidas implantadas nos últimos anos son o eixo principal para a corresponsabilidade familiar

Ademais, sinalou que nos últimos anos as estruturas familiares están cambiando e é preciso adaptarse as súas necesidades

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2024

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na mesa redonda sobre novas estruturas familiares, financiación, programas e axudas no marco do VI Encontro pola corresponsabilidade que organiza a asociación Executivas de Galicia onde expuxo as medidas levadas a cabo pola comunidade nesta materia.

Durante o encontro, o director xeral destacou a importancia de contar con medidas que faciliten a conciliación familiar e dar paso á corresponsabilidade. Así, Jacobo Rey salientou que Galicia é pioneira nesta materia coa gratuídade das escolas infantís de 0 a 3 anos, as casas niño situadas nos municipios menos poboados ou a Tarxeta Benvida que supón unha axuda directa para adquisición de produtos para os máis pequenos.

Outras das iniciativas postas en marcha polo Executivo galego son o Bono concilia familia, cunha achega directa para afrontar os gastos de conciliación cando os cativos non están na escola. Outra das medidas é o Plan corresponsables que da servizo a 30.000 nenos e nenas a través dos concellos e institucións educativas.

Ademais, o director lembrou que outros dos aspectos nos que Galicia é líder neste eido é grazas a que conta cun dos calendarios de vacinación máis potentes e co cribado neonatal máis importante do país. A isto súmanse outras iniciativas como a dedución fiscal no IRPF para as familias con dous ou máis fillos. 

Neste senso, Jacobo Rey fixo fincapé en que a conciliación e a corresponsabilidade só son posibles se hai medidas eficaces que o permitan facilitando as dinámicas familiares. Así, recalcou que a Xunta de Galicia seguirá traballando para que a nosa comunidade sexa un referente na atención e coidado dos máis pequenos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/11/2024