A Xunta realiza labores de conservación nun tramo de preto de 3,5 quilómetros do río Masma, en Mondoñedo
As tarefas que está a realizar Augas de Galicia consisten na retirada de árbores caídas e biomasa para evitar atoamentos
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2024
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento nun tramo fluvial preto de 3,5 quilómetro do río Masma, ao seu paso polo concello de Mondoñedo.
As tarefas, que se desenvolverán na parroquia de Santo André de Masma e que xa foron comunicadas ao Concello, consistirán na retirada de árbores caídas e biomasa para evitar atoamentos así como na roza nos accesos. Os traballos prolongaranse durante aproximadamente catro semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras, e co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor.
Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación.
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.